Deputación de Lugo

A Fundación TIC abre o luns o prazo de inscrición para o curso escolar 2010-2011

Imaxe deputación de lugo
A EIS oferta 44 prazas para os Ciclos Superiores de Realización e de Produción de audiovisuais e espectáculos

Os novos alumnos poderán solicitar a súa praza ata o próximo 9 de xullo A Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Fundación TIC, abrirá este luns o prazo para formalizar a matrícula para o curso 2010-2011, que permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de xullo. A EIS, o único centro que imparte en Lugo ensinanzas pertencentes á familia profesional de comunicación, ofrece estudos dos Ciclos Superiores de Produción e de Realización de Audiovisuais e Espectáculos, dotados de 2.000 horas lectivas e de dous cursos académicos cada un. En total, ofértanse 22 prazas para cada unha das especialidades formativas. Os solicitantes de novo ingreso ó primeiro curso e ó segundo, que reúnan os requisitos deberán presentar a preinscrición na sede da Escola, situada na rúa Frei Rei Lemos s/n en Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tanto o impreso de preinscrición como a documentación correspondente, poderase descargar a través do portal web, www.fundaciontic.org. O proxecto educativo da EIS ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vencellar directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Deste xeito, dende o inicio da actividade da EIS, no ano 2003, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. En 2009 foi o curso no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e mantén convenios de colaboración cunha decena de entidades sociais, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. A través destas colaboracións, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos e na procura da súa inserción laboral ó remate dos seus estudos.