Deputación de Lugo

Os torrentes do Ulla e a morrena terminal de Vilapena, por primeira vez en Km0

O programa de visitas da Deputación inclúe esta semana o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá e os Fornos da Pontenova

A Ribeira Sacra, A Ulloa e A Mariña Oriental son os destinos esta semana do programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 da Deputación. Nas rutas que se organizan de martes a xoves participarán grupos de ASPNAIS, do Centro público Santo Anxo de Rábade e da Asociación cultural Albataira de Sarria. Por primeira vez dentro desta iniciativa visitaranse os torrentes do Ulla, a morrena terminal de Vilapena, en Trabada, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá e os Fornos da Pontenova. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo de 55 persoas da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo. A continuación, visitaron o conxunto etnográfico do Mazo de Santa Compa e desprazáronse á Ribeira Sacra onde farán un percorrido a pé ata o Mirador da Pena do Castelo e unha viaxe en catamán. O mércores os participantes, do Centro Público Santo Anxo de Rábade, visitarán o Veral e a ruta das Chousas. Neste caso, o itinerario elexido tamén inclúe unha ruta de sendeirismo polos torrentes do Ulla e unha visita ó pazo- fortaleza de Amarante. Por último, o xoves un grupo da Asociación Cultural Albataira de Sarria desprazarase á Mariña Oriental despois de visitar o Centro de Artesanía e Deseño. No norte da provincia coñecerán os Fornos da Pontenova, a morrena Terminal de Vilapena, no Concello de Trabada, e o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A ruta rematará cunha visita a un establecemento de fabas.