Deputación de Lugo

Antón Bao acode á festa do oso de Salcedo onde demanda unha maior conservación do Patrimonio Imaterial Lucense

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, acudiu hoxe á representación dunha peza teatral protagonizada polos membros da Asociación Veciñal Salcedá na parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón). A obra, unha crítica á sociedade actual, enmárcase dentro dos actos programados para a 51 edición da festa do Oso de Salcedo, un dos festexos con maior tradición e repercusión do entroido lucense. O vicepresidente primeiro asistiu a esta festa do antroido lucense convidado pola asociación de veciños de Salcedo. Antón Bao indicou que “é fundamental que dende as institucións volquemos todos os esforzos para protexer e apoiar estas manifestacións do noso patrimonio inmaterial”. Bao referiuse con esta manifestación ao apoio que se está dando, dende diferentes institucións, ás entidades e asoscións que manteñen e organizan diversas mostras do patrimonio inmaterial no sur da provincia de Lugo. Ao remate da representación teatral, Antón Bao recalcou que a Área de Cultura da Deputación “segue e seguirá a traballar de forma conxunta coas asociacións culturais para que este tipo de festexos teñan continuidade no tempo”. Ademais, o vicepresidente lembrou que “dende hai uns meses, e mediante a adxudicación de bolsas de formación, dúas persoas investigan o noso patrimonio inmaterial”. A isto, súmaselle a elaboración de varias unidades didácticas nas que se plasman as investigacións que se teñan realizado e se realicen sobre este tipo de patrimonio, “co obxectivo de que os escolares lucenses coñezan e cheguen a valoralo como este se merece”. Dende o ano 1958, boa parte dos veciños da parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón) participan activamente na festa do Oso de Salcedo. A mecánica desta representación é sinxela, a primeira hora da tarde fai a súa aparición o oso, un personaxe vestido con peles e cuberto cunha máscara. Acompáñano uns criado enmascarados que perseguen a todas as persoas que se atopan nese momento na rúa da vila e tísnalles a cara cun tizón.