Deputación de Lugo

O TECIDO ASOCIATIVO DE RIOTORTO MANTIVO UNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DO GOBERNO DA DEPUTACIÓN

Imaxe deputación de lugo
O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o responsable da área de cultura deportes, Antonio Veiga, reuníronse con representantes de entidades culturais e deportivas de Riotorto para coñecer as súas necesidades e explicarlles a política da Dep

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, acompañado polo Deputado responsable da Área de Cultura e Deportes, Antonio Veiga, mantiveron unha xuntanza con representantes das asociacións, clubs e entidades culturais e deportivas do concello de Riotorto. Nesta xuntanza tamén estivo presente o alcalde nacionalista Federico Gutiérrez que aproveitou para comentar cos representantes do tecido asociativo do concello as vías de colaboración abertas coa Deputación para a realización de obras e actividades no concello. Durante a xuntanza tanto o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, como o responsable da área de cultura e deportes, Antonio Veiga, explicáronlles aos asistentes as liñas marcadas na política cultural e deportiva na Deputación de Lugo e a interacción deste departamento co tecido asociativo. Antonio Veiga resaltou que “queremos coñecer de primeira man as necesidades e suxestións das asociacións e clubs e que sexan as persoas que están a traballar, de xeito altruÍsta, para manter este tecido as que nos transmitan as súas inquedanzas para poder establecer os mecanismos axeitados e as liñas de axudas precisas para reforzar o traballo destes colectivos”. O responsable da Área de cultura e deporte, Antonio Veiga, explicou nesta xuntanza que o número total de solicitudes achegouse ás 700 estando previsto un orzamento total de 1.685.000 €. Os máis de millón e medio de euros destinados ás entidades culturais e deportivas, por unha parte, e, por outra, á mellora e creación de infraestruturas e dotacións culturais e deportivas divídense en seis partidas orzamentarias dirixidas a entidades e concellos: CULTURA: Actividades de entidades asociativas – 500.000 € Infraestruturas e dotacións culturais para os concellos – 150.000 € DEPORTES: Entidades e clubes deportivos – 650.000 € Instalacións e equipamentos deportivos para os concellos - 185.000 € Gastos correntes de funcionamento de concellos - 100.000 € Actividades e eventos organizados por concellos – 100.000 € TRABALLANDO MAN A MAN COAS ENTIDADES ASOCIATIVAS Antonio Veiga explicou aos presentes que o gran número de solicitudes de axuda, tanto na Área de Cultura como na Área de Deportes, está motivada polo cambio de política á hora de establecer o sistema de convocatoria das axudas e grazas ao traballo previo, realizado pola Área de Cultura e Deportes, de contacto coas entidades deportivas e culturais. Os responsables da Área de Cultura e Deportes da Deputación mantiveran no mes decembro, do pasado ano, xuntanzas coas entidades culturais e deportivas das diferentes comarcas de Lugo e no mes de xullo tamén se desprazaron ás diferentes comarcas técnicos da Área de Cultura e Deportes para explicarlles aos distintos colectivos as bases que rexen estas axudas. Esta serie de xuntanzas serviu para establecer un contacto directo ao mesmo tempo que se achegaba ás comarcas a información, nun esforzo de descentralización por parte desta área do goberno da Deputación. Estas xuntanzas permitiron recoller na elaboración das bases destas axudas e nos criterios que rexerán a concesión as ideas, suxestións e inquedanzas dos diferentes colectivos que manteñen a actividade cultural e deportiva en Lugo.