Arranca a oficina do Innova-TE coa incorporación de 20 profesionais da provincia
A través deste centro de traballo, realizaranse novas contratacións a empresas locais, o que vai a permitir crear máis postos de traballo no eido tecnolóxico En xullo comezará a funcionar no INLUDES o Centro de Asesoramento Empresarial; unha plataforma multicanal na que se resolverán dúbidas da eadministración a emprendedores, cidadáns ou traballadores O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Lugo, José López Orozco, inaugurou este mércores a oficina do Innova-TE, creada pola UTE de empresas Mnemo-Software-AG-Fujitsu, que resultou adxudicataria do programa tecnolóxico co que a Deputación ofrece unha solución integral á implantación da administración electrónica nos Concellos da provincia, dotándoos de banda longa e converténdoos en sedes electrónicas. Gómez Besteiro subliñou que hoxe damos un paso máis para seguir avanzando na implantación das novas tecnoloxías na provincia. Todo isto de nada servirá se a Xunta de Galicia non dota á provincia da banda longa necesaria para que cubra a todo o território, se non o que estaremos facendo é crear veciños de primeira e de segunda: de primeira os que están na capital e, de segunda, aqueles que viven máis afastados e non teñen a posibilidade de facelo. Isto sí que será unha verdadeira fenda para os veciños. De aí este esforzo que facemos de 9 millóns de euros para entrar na administración aberta as 24 horas e os 365 días do ano. A Xunta, que xa asinou os convenios co Ministerio, ten que aplicarse para que empece o despregue da rede. Isto si que sería un compromiso do goberno galego con esta provincia. Pola súa banda, o Alcalde subliñou esta é unha realidade que permite poñer á provincia no lugar que lle corresponde. No Concello de Lugo estamos metidos nun proxecto semellante e xa chegamos a varias escolas rurais. Isto é imprescindible ó igual que o foi o descubrimento da imprenta para que a provincia de Lugo e a cidade deixen de estar á cola. Neste momento de incertidume económica a rede é indispensable para o crecemento da cidade e da provincia. Un dos obxectivos do programa tecnolóxico, dotado con 9 millóns de euros, e que debe cumprir a empresa que resultou adxudicataria do proceso no que competiron as firmas máis importantes do país, era a promoción económica da provincia, a través da creación de emprego coa incorporación de persoal cualificado. Deste xeito, para o funcionamento deste centro de traballo a UTE xa incorporou a 20 profesionais da provincia do sector das TICs, e seguirá realizando novas contratacións a empresas locais, o que vai permitir seguir creando novos postos de traballo no eido tecnolóxico, apuntou Besteiro. O centro de traballo sitúase na rúa da Raíña, número 12, 2ºB, e servirá de base para as operacións que desenvolve a UTE, converténdose no emprazamento de referencia da provincia tanto do persoal que se ten que desprazar para a execución do proxecto como do que se siga contratando dentro deste programa nos vindeiros meses. Durante o transcurso do acto proxectouse un dos vídeos promocionais do Innova-TE elaborado pola Fundación TIC, no que unha veciña de Gutiriz explica o sinxelo e rendible que resulta poder xestionar trámites coa administración a través da Internet para aforrar cartos e tempo. No acto de inauguración, ademais do Presidente da Deputación e do Alcalde de Lugo, tamén participaron outras autoridades como o Presidente da CEL e representantes dos Sindicatos. Centro Virtual de Asesoramento Empresarial A UTE adxudicataria do programa tecnolóxico tamén creará un Centro de Asesoramento Empresarial no Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Entrará en funcionamento no mes de xullo e será unha plataforma única na que se informará e resolverán dúbidas da administración electrónica a emprendedores, cidadáns ou traballadores. Este asesoramento será multicanal, é dicir, as consultas poderán facerse de forma presencial, vía telefónica ou por internet. Para a posta en marcha deste centro, Mnemo-Software-AG-Fujitsu xa contratou a dous profesionais cualificados que se encargarán de formar a tres traballores do organismo dependente da Deputación para que unha vez que o conxunto de empresas conclúa a implantación da eadministración, dende a Deputación se poida seguir prestando este asesoramento e resolvendo todas as dúbidas que lles poidan xurdir ós cidadáns á hora de realizar coa Deputación e cos 66 Concellos os 120 procedementos que ofrece o Innova-TE.