Deputación de Lugo

A Deputación pon fin á débeda histórica do canon para o que destinou nos últimos tres anos máis de 11 M€

Imaxe deputación de lugo
O Pleno aproba as obras do Plan de Chantada e o reparto para este ano para os outros 15 municipos con produción hidroeléctrica por valor de 3,7 millóns de euros
Deste xeito, o actual equipo de goberno liquida a débeda co Concello chantino que se remonta a hai 20 anos, e cumpre o compromiso político asumido cos outros municipios que non contan cunha sentenza que condene á Deputación
O organismo provincial insta á Xunta a apoiar e ampliar as axudas para a recría de gando vacún en Galicia, e rexeita a construcción dunha central hidroeléctrica no río Eo, en Ribeira de Piquín

O Pleno da Deputación aprobou este martes, coa abstención do PP, a dotación económica para os 15 municipios afectados da provincia polo canon enerxético, así como o Plan de Obras de 2010 de Chantada. En total, 3.682.760 euros, dos que 1.649.802 euros son para as actuacións do Concello chantadino e 2.032.958 euros para o reparto do resto de municipios que contan con produción hidroeléctrica. Deste xeito, o equipo de goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro liquida a débeda da institución provincial con Chantada que se remonta a hai 20 anos, e cumpre o compromiso político asumido cos outros Concellos que non contan cunha sentenza que condene á Deputación. A de 2010 é a última das tres anualidades nas que se distribúe o pagamento do canon. Dende 2008 o organismo provincial investiu nos 16 municipios máis de 11 millóns de euros. Destes, a cantidade fixada para Chantada é de 4.949.408 e 6.098.876 para o resto de Concellos. No caso do municipio chantadino, o plan de 2010 contempla as seguintes actuacións: a construción do auditorio municipal (975.000 euros); o derrubamento da Casa Sindical e o acondicionamento da praza de Galicia (90.000 euros); o desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías (160.000 euros); e a rexeneración e adecentamento de espazos públicos e de viais (424.802 euros). Para garantir que o reparto dos outros Concellos fose rigoroso, equitativo e proporcional, encargouse este traballo ó Laboratorio do Territorio do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela. Neste senso, o investimento que realizará o organismo provincial este ano nos 15 municipios queda distribuído deste xeito: O Saviñao: 209.513 euros; Taboada: 179.429 euros; Paradela: 132.795 euros; Portomarín: 105.823 euros; O Páramo: 75.774 euros; Guntín: 80.852 euros; Carballedo: 193.699 euros; Pantón: 116.238 euros; Ribas de Sil: 153.729 euros; Quiroga: 169.608 euros; Sober: 148.440 euros; Monforte de Lemos: 77.699 euros; Pobra de Brollón: 78.640 euros; e zona norte (comprendida polos Concellos de Fonsagrada e Negueira de Muñiz): 310.713 euros. A sesión contou cuns convidados de excepción. Un total de 25 alumnos do obradoiro de emprego de Guitiriz saudaron ó Presidente da Deputación e coñeceron como se desenvolven os Plenos provinciais. Pola mañá, os rapaces tamén visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño, incluído nesta Reserva da Biosfera declarada pola UNESCO en 2002. Apoio á recría de gando vacún O Pleno tamén aprobou a proposta do equipo de goberno na que se insta á Xunta de Galicia a impulsar e fomentar a recría de gando vacún en Galicia que garanta a reposición da cabana gandeira das explotacións con animais de calidade xenética e maior potencial produtivo, contribuíndo a reducir os custes de produción e a mellorar as rendas dos gandeiros, de xeito que se amplíe a aplicación orzamentaria para axudas neste eido, con fondos suficientes en 2010. O equipo de goberno lembra que en 2009 a anterior Xunta convocou unha liña de subvencións para a promoción da recría de gando, dotada cun millón de euros, que podía incrementarse con remanentes adicionais. O Deputado de Gandeiría, José María Arias, quen defendeu a proposta do equipo de goberno, lembrou que “a actual Xunta non ampliou o orzamento reservado e só se cubriron 1.000 solicitudes das 4.238 presentadas, o que implicou que se desestimasen 2.593 por falta de crédito”. Deste xeito, tamén indicou que “este recorte suponlle a cada gandeiro uns 150 euros menos, e prodúcese nun sector do que dependen máis de 300.000 postos de traballo. A Xunta de Galicia é a que ten competencias exclusivas na materia, polo que isto non é unha subvención ó coche de Citroën, senón que vai á base territorial da provincia.” Rexeitamento á instalación dunha minicentral no río Eo A Corporación provincial tamén manifestou o rexeitamento á construción dunha central hidroeléctrica no río Eo en apoio ás demandas do Concello de Ribeira de Piquín e dos veciños afectados. A proposta tamén inclúe demandar á Confederación Hidrográfica do Cantábrico que continúe co expedente de extinción da concesión iniciado en novembro de 2004, declarándoa caducada e contraria ós obxectivos de conservación dos hábitats e expecies protexidads do LIC Río Eo. Asimesmo, demándase da CHC unha declaración de impacto ambiental negativa apoiándose no informe emitido polo INLUDES en 2008.