Deputación de Lugo

A Área de Cultura e Deporte establecerá unha liña de axudas destinada aos concellos tras o temporal

Un total de 14 municipios presentaron xa unha memoria cos danos materiais ocasionados polo Klaus, uns documentos que revisará en breve o persoal técnico destas áreas

Antonio Veiga non descarta que nos vindeiros días se reciban máis informes “que proveñan dos municipios máis pequenos” O delegado da Área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, fixo público esta maña, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, un balance provisional no que se cuantifican os danos materiais ocasionados polo temporal Klaus nas instalacións deportivas e culturais existentes nos distintos concellos lucenses. A través desta área, a Deputación pretende sufragar unha parte ou a totalidade destes arranxos mediante a concesión dunha serie de axudas, complementarias ás dispostas pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, unha vez que o persoal técnico da área revise en profundidade a documentación presentada polas administracións locais. O pasado 28 de xaneiro, a Vicepresidencia Primeira da Deputación, a través da Área de Cultura e Deporte, púxose en contacto con todos os concellos de Lugo para avaliar, de forma conxunta, os danos materiais ocasionados polo temporal, mediante o envío dunha misiva na que se instaba aos concellos afectados ao envío dunha memoria na que se indicasen, de forma pormenorizada e de existir, os estragos sufridos nas estruturas deportivas e culturais da zona. Ademais, tamén se lles solicitou a entrega dun orzamento aproximado onde aparecesen reflectidos os custos de execución das obras de reparación. No transcurso da rolda de prensa, Antonio Veiga comentou que “a día de hoxe, un total de 14 concellos lucenses – A Fonsagrada, A Pontenova, Baralla, Barreiros, Becerreá, Cervo, Guntín, Monforte de Lemos, O Vicedo, Pontón, Portomarín, Quiroga, Sarria e Xove- remitiron xa a documentación solicitada polo persoal técnico da Área de Cultura e Deporte, quen se encargará de revisar e corroborar a veracidade das memorias e orzamentos recibidos”. Acto seguido, Veiga tamén recalcou que os danos máis habituais referidos polos concellos, no que atinxe ás instalacións deportivas, refírense a caída ou destrución parcial dos peches perimetrais, de parte dos tellados ou das gradas e redes dos polideportivos ou campos de fútbol municipais. Por outra banda, pequenos estragos nos tellados e problemas nos cadros da luz parecen ser os estragos máis habituais nas instalacións culturais dos distintos concellos lucenses. Para a Área de Cultura e Deporte, tal e como comentou Antonio Veiga, “a rehabilitación e conservación dos espazos deportivos e culturais existentes ao longo da nosa xeografía é un dos obxectivos que nos marcamos ao facernos cargo destas áreas e, proxecto no que levamos traballando dende hai máis dun ano e medio”. Ademais, o delegado de Cultura e Deporte recalcou novamente o compromiso de colaboración incondicional adquirido cos concellos por parte desta institución. Evitar un “oco” nas arcas municipais e axudar a aqueles municipios que contan dun orzamento máis reducido son algún dos piares deste plan de acción posto en marcha polo nacionalistas. A pesares de non ter previsto ningún prazo de entrega, o persoal técnico da área e o delegado agardan que nos vindeiros días se podan recibir novos informes “que proveñan dalgún concello pequeno que non dispoña, por exemplo, dunha persoa cualificada para a elaboración dos citados documentos”.