Deputación de Lugo

O novo Regulamento Orgánico da Deputación aprobarase no Pleno de xullo

Imaxe deputación de lugo
Cumprindo co compromiso que asumiu no pasado Pleno, o Presidente convocou a Xunta de Voceiros que acordou o calendario de reunións para a elaboración da proposta

O obxectivo de Gómez Besteiro é dotar á Deputación dun Regulamento de consenso e que sexa un instrumento de traballo ó servizo dos cidadáns O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro presidiu este luns a Xunta de Voceiros para abordar a reforma do Regulamento Orgánico da Deputación, tal e como se comprometera no pasado Pleno do 28 de abril. Na xuntanza, na que participaron os voceiros do grupo do PSOE, Antonio Gato, do BNG, Antonio Veiga, e do PP, José Manuel Barreiro, acordouse levar a proposta do novo Regulamento ó Pleno do 28 de xullo. Ademais, tamén se aprobou o calendario para elaborar a proposta, que terá como base o borrador que se lle entrogou hai uns meses ós tres grupos. As reunións serán os luns 18 de maio e 1, 15 e 29 de xuño. O obxectivo do novo documento é dotar ó organismo provincial dun Regulamento de consenso e con vocación de perdurar no tempo. Ademáis, preténdese que serva para as aspiracións políticas de todos os grupos e que sexa o instrumento definitivo de traballo ó servizo dos cidadáns. Coa reforma do Regulamento Orgánico, cúmprese o obxetivo trazado polo José Ramón Gómez Besteiro no seu discurso de investidura, de abrir á Deputación á sociedade, cooperar con todos os Concellos da provincia e democratizar a institución, establecendo cauces de participación. O documento que se levará ó Pleno de xullo adaptarase ós novos tempos e substituirá ó actual, que quedou obsoleto. O actual Regulamento Orgánico foi aprobado en Pleno o 28 de outubro do ano 1985 e precisa dunha actualización despois de 23 anos de vixencia.