Deputación de Lugo

Unhas 1.000 persoas chegadas de varios puntos de España visitaron a exposición dos alumnos da Escola Ramón Falcón

Imaxe deputación de lugo
NM. Necesita mellorar permaneceu na Capela de Santa María ata o 12 xullo e incluíu a presentación en volume da revista elaborada polos alumnos de 3º de Deseño Gráfico

A presenza desta exposición é un exemplo da nova etapa da sala do CENTRAD, que a partir do verán combinará exposicións locais con outras de carácter nacional e internacional Unhas 1.000 persoas visitaron a exposición “NM. Necesita Mellorar”, dos alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, que permaneceu na Capela de Santa María do CENTRAD desde o 4 de xuño ata o 12 de xullo. Destes, a maior parte, un 75%, chegaron procedentes de distintos lugares da provincia. O 20% restante eran doutras cidades galegas e mesmo españolas coma Ourense, A Coruña, Pontevedra, Castela e León, Asturias, Cantabria, Melilla, Cataluña, País Vasco, Madrid, Canarias e Murcia. Nun menor número, a mostra tamén contou con visitantes de Italia e Francia. A orixinalidade foi unha das características que máis chamou a atención ós visitantes. Isto debeuse a que, xunto coa mesma, presentouse en volume o primeiro número da revista do mesmo nome, na que se recollen os traballos realizados neste ano polos 30 alumnos do terceiro curso da Especialidade de Deseño Gráfico. En total editáronse 3.000 revistas que foron distribuídas en Escolas de Deseño Gráfico de toda España e noutros centros educativos. A presenza desta exposición é un exemplo da nova etapa da sala do CENTRAD, que a partir do verán combinará exposicións locais con outras de carácter nacional e internacional. A mostra de novos creadores lucenses substituíu á outra de artistas uruguaios consagrados que tivo un grande éxito: Borde Sur”, que foi visitada por unhas 700 persoas, e que reuniu as mellores creacións de 59 artistas uruguaios contemporáneos e de recoñecido prestixio. A exposición “NM. Necesita mellorar” estivo aberta de luns a sábado de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, e os domingos de 18:00 a 21:00 horas.