Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca a aposta da Deputación polo medio ambiente e o desenvolvemento sostible

O Presidente provincial participa nos actos do centenario do Hotel Balneario Hesperia de Guitiriz coa prantación dunha árbore

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este luns nos actos conmemorativos do centenario do Hotel Balneario de Guitiriz coa prantación dunha árbore nos xardíns destas instalacións. Tamén asistiron a Alcaldesa de Guitiriz e Deputada da Área de Economía, Regina Polín, e o director do Hotel Balneario Hesperia, José Cañás, que prantaron cadansúa árbore. O titular provincial amosou a súa satisfacción por participar neste centenario, “e ademais, facelo coa prantación destas tres árbores que simbolizan o peso que ten o medio ambiente na nosa provincia e a aposta polo desenvolvemento sostible, xa que iniciativas coma esta xeran riqueza na nosa provincia respetando ó contorno natural”. Ademais sinalou que a nivel persoal este acto tiña un significado especial, pola a tradición da súa famlia, do Concello de Castroverde, que desde sempre estivo vencellada ó sector da madeira. Gómez Besteiro lembrou que “conmemoramos o centenario dun hotel balneario que durante boa parte da súa historia situouse entre os mellores de Europa e que puxo a Guitirz, e á provincia de Lugo, no mapa europeo dos circuitos termais”. Sinalou que “despois de tres décadas pechado, a cadea Hesperia reabriu ó hotel adatándoo ás necesidades do século XXI, e convertindo este lugar nun foco de atracción turística na nosa provincia, no só pola cualidade das augas da fonte de San Xoán, recoñecidas dentro do sector como as máis sulfatadas, senón tamén por outras prestacións, que fan estas instalacións atractivas para sectores de poboación moi diversos”. O máximo responsable da institución destacou que “o medio ambiente é un dos eixos fundamentais sobre os que xira a acción de goberno da Deputación. A nosa provincia, co 55% do seu territorio declarado Reserva da Biosfera, ten unha riqueza paisaxísita e medioambiental que debemos preservar e, o mesmo, sacarlle o mellor partido”. Historia do Hotel Balneario O Hotel Balneario de Guitiriz, que en 2003 foi recuperado pola cadea Hesperia, situouse durante boa parte dos seus 100 anos de historia entre os mellores balnearios de Europa, e chegou a recibir o sobrenome do Karlsbad galego pola súa semellanza co de Baden-Baden alemán. A cualidade das súas augas outorgáronlle un merecido recoñecemento dende principios do século XX, tal e como reflicten nos seus informes o seus dous primeiros directores médicos: Wesceslao Fernández de la Vega e Jimena Fernández de la Vega. Nos seus cinco primeiros anos de vida, o balneario recibiu máis de 5.000 pacientes, e entre 1945 e 1953, foron 9.700 as persoas que comprobaron os excelentes resultados das súas augas que están consideradas dentro do sector como as máis sulfuradas. En 1972, a consecuencia da crise que sufriron este tipo de establecementos, pechou as súas portas, logo de ter servido como hospital militar e colexio de xesuítas durante a guerra civil española. As augas máis sulfuradas O descubrimento das propiedades terapéuticas das augas, que brotan a 15º centígrados da Fonte de San Xoán, data do século XVIII, aínda que non foron recoñecidas ata 1902 no Decreto do Consello de Sanidade onde se apunta que se trata dunhas augas bicarbonatadas-sulfuradas sódicas. Ó ser sulfurosas, estas augas teñen una acción estimulante xeral, desintoxicante e antiinflamatoria. Por isto están especialmente indicadas para dolencias biliares, gastroenterite, hepáticas, diuréticas e desintoxicantes. Tamén están moi recomendadas para a pel e o sistema neuro-vexetativo.