Deputación de Lugo

Gato denuncia que a falta de xestión do goberno do PP provocou a perda de máis de medio millón de euros de subvencións do MAP

A Deputación axiliza o proceso para salvar a maior parte das 40 obras dos POS e POL que non dispoñían de terreos

O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas, denunciou que a falta de xestión do anterior goberno do Partido Popular xa provocou a perda de máis de medio millón de euros de subvencións do Ministerio de Administracións Públicas destinadas a obras dos POL e POS. O Deputado lembrou que “cando chegamos ó goberno había unhas 40 obras destes Plans que foran contratadas sen dispoñer dos terreos necesarios nin ter iniciado o procedemento expropiatorio. Desde entón estamos a traballar para axilizar todo o proceso e tentar salvar o maior número, pero nalgúns casos xa non foi posible”. Unha das obras da que se perdeu a subvención do MAP é a da estrada provincial do Alto de Valiño a Valdeporrás, en concreto o ancheamento e mellora da ponte Piunca, no Concello de Portomarín, incluída no POL 2006. A Xunta de Goberno deste venres aprobou a resolución, por mutuo acordo, do contrato coa empresa Pedigal. A Deputación indeminizará á empresa co equivalente ó 2% do prezo de adxudicación: 4.048 euros. Ademais, devolveráselle a garantía de 8.096 euros. Segundo apuntou Antonio Gato, esta obra fora adxudicada a esta empresa en setembro de 2006 por 202.400 euros e tiña un prazo de execución de 2 meses. Desta cantidade, o Ministerio subvencionaba 161.920 euros. “Pero como en moitos outros casos dos POL e POS, adxudicábanse obras pero non se poñían os terros a disposición das empresas para poder levar a cabo os traballos. Era unha falta clara e absoluta de xestión eficaz por parte de goberno anterior da Deputación”. Esta obra súmase a outras dúas do POL 2004 das que tamén se perdeu a subvención: o afirmado do acceso ó polígono industrial de Cervo dos puntos quilométricos 1,450 ó 0,000, para o que estaba prevista unha subvención de 156.180 euros; e o ancheamento e mellora da variante de Lousada, dos puntos quilométricos 6,700 ó 10,700 da estrada Hospital- Seoane do Courel, da que se perdeu unha subvención de 240.806 euros. O voceiro socialista sinalou que “no caso destas tres obras supoñen un quebranto para as arcas da Deputación de 558.906 euros”. Gato Soengas advertiu que “lamentablemente aparecerán máis casos porque aínda que o servizo provincial de expropiacións está a traballar a reo para axilizar todos os trámites, nalgúns casos non se puido chegar a tempo. Esto débese a falta de rigor do anterior goberno que contrataba obras sen dispoñer dos terreos necesarios para que as empresas puidesen levar a cabo os traballos. Os veciños teñen que saber que clase de goberno, ou mellor dito, de desgoberno funcionaba anteriormente”. Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación provisional do servizo de mediación e asesoramento en materia de aseguramento da Deputación á empresa Borrás- Vázquez-Cameselle-Artai Correduría de Seguros por un prezo de 6.000 euros. A oferta inclúe melloras, sen custo para Deputación, valoradas en 5.600 euros.