Deputación de Lugo

A Fundación TIC colabora no curso de formación do profesorado “Arte dixital” organizado polo CEFORE de Lugo

Imaxe deputación de lugo
Incorporar ós espazos de formación ferramentas de produción de contidos audiovisuais e multimedia é un dos obxectivos da actividade

A Fundación TIC, dependente da Deputación, colabora estes días co CEFORE na posta en marcha do curso destinado á formación do profesorado de Lugo, “Arte Dixital”. A través dun obradoiro de curtametraxes, que forma parte do programa formativo que desenvolve a Fundación TIC en centros de ensino secundario da provincia, facilitarase ós docentes a posibilidade de traballar recursos de produción de contidos audiovisuais e multimedia a través do manexo de medios técnicos e materiais de fácil acceso para os centros educativos. As linguaxes audiovisuais deben formar parte dun “novo ambiente de ensino e aprendizaxe” e abrir novas vías de transmisión do coñecemento: a presenza de novas pantallas (móbiles, videoconsolas, Ipod, etc) fan necesario que desde os centros educativos se afronte o reto de educar no seu emprego, non só para facer un uso crítico, racional ou para adquirir coñecemento, senón tamén para poder facer uso das posibilidades que permiten como ferramenta que pode enriquecer o proceso de formación. O obradoiro inclúe sesións nas que se analizará a utilización da curtametraxe como recurso educativo para o tratamento de diferentes áreas dos currículos formativos do ensino primario e secundario, e sesións prácticas de introducción o manexo de medios técnicos, gravación e edición de vídeo dixital. A actividade comezará hoxe ás 17:00 horas e continuará o xoves e o venres de 17:00 a 21:00 horas e o sábado, de 10:00 a 14:00 horas.