Deputación de Lugo

A Deputación subvenciona directamente ós autónomos con 1.500.000 euros en menos dun ano

Gómez Besteiro anunciou que hoxe mesmo enviáronse ós Concellos os borradores dos convenios do Fondo Extraordinario creado pola Deputación e que complementa o Fondo Estatal de Investimento Local

O INLUDES e a Xunta asinarán a finais deste mes o protocolo de colaboración que permitirá a posta en marcha do proxecto europeo Lugo Pacto Provincial polo Emprego. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, reuníronse este xoves cos empresarios da Confederación de Autónomos e Profesionais de España. Besteiro e Méndez explicaron a este colectivo que a Deputación está a subvencionar directamente ós autónomos con 1.500.000 euros en menos dun ano, a través do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial impulsado polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), desenvolvido no mes de outubro e cuias axudas se repetirán en 2009. “Estamos moi satisfeitos dos resultados obtidos. Dada a boa acollida, en 2009 renovaranse as axudas a este colectivo. Deste xeito, os Orzamentos do INLUDES, que ascenden a 15 millóns de euros, contemplan unha partida específica para autónomos e PEMES. O que queremos é dar continuidade as estas iniciativas que están a ter tanta demanda”. O máximo mandatario provincial sinalou que a concesión destas axudas responden ó compromiso da Deputación de desenvolver medidas destinadas a potenciar a economía da provincia, tal e como esixe o panorama económico actual. Neste senso indicou que “xa manifestamos en varias ocasións o noso compromiso neste eido que quedou demostrado, por exemplo, coa creación voluntaria do Fondo Extraordinario, dotado con 1.500.000 euros, e que complementa o Fondo Estatal. Deste xeito, quero anunciarlles que hoxe xa se enviaron ós Concellos os borradores dos convenios que permitirán materializar o compromiso asumido pola institución provincial”. No acto no que estiveron presentes os Presidentes da Confederación de Autónomos e Profesinais de España (CAYPE), Eliseo Calviño Lema, da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), Paulino Franco Cantón, da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), José María López Bourio, e o Secretario Xeral de CAYPE, Javier Pérez Bello, e a Secretaria de FEAGA, Paloma Sobrino, o Presidente da Deputación lembrou que se recibiron preto de 1.900 solicitudes, de tal xeito que a maior parte dos beneficiarios foron autónomos e Sociedades Limitadas. Entre estas dúas categorías sumaron 1616 solicitudes, ou o que é o mesmo: o 87,8% do total presentado a este programa de axudas promovido polo INLUDES. Pola súa banda, os representantes dos autónomos aplaudiron a lexislación posta en marcha polo Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero. “Os datos reflicten que o pequeno empresariado formado polos autónomos e as microempresas son un dos piares do tecido económico de Lugo e, por tanto, unha peza clave na xestión Deputación, tal e como xa mencionamos na presentación dos Presupostos de 2009 que ascenden a 142 millóns de euros. E é que non podemos esquecer que Lugo dispón de 25.035 empresas das que tan só 11 teñen máis de 200 traballadores. Deste xeito, é un orgullo que este colectivo sexa o que se fixo maior eco do Programa”, afirmou o titular provincial. O programa incluíu tres liñas de axuda: acceso á sociedade da información e da comunicación, consolidación e mellora do tecido empresarial e axudas para gastos de actividade. Neste senso, a liña máis demandada foi a segunda. Para esta houbo 890, o que representa o 49%. Séguenlle as solicitudes para a Sociedade da Información con 637 e a de gastos de actividade con 296 expedentes. “A Deputación de Lugo é unha das poucas institucións provinciais de España que subvenciona os gastos correntes deste colectivo, tales como recibos de luz ou do teléfono, pero tamén para outras cuestións como renovar os equipos informáticos, que lles vai permitir ós autónomos xestionar mellor os seus negocios, ou subvencións para renovar os seus locais”. “Unha política realista” Gómez Besteiro explicou que o Programa completa a política realista desenvolvida pola Deputación, tal e como esixe o panorama económico actual, e que se traduce noutras iniciativas postas en marcha polo organismo provincial neste eido como o Programa de Empresas e Sucesión Familiar iniciado na Mariña Luguesa, o de formación para empresarios lucenses residentes en Sudamérica e o programa europeo destinado ó fomento do emprego, Pacto Provincial polo Emprego. “Neste último caso, estamos en condicións de decirlles que xa se mantiveron varias reunións coa Consellería de Traballo para buscar a complementariedade dos proxectos, de tal xeito que a finais deste mes esta previsto que asinemos coa Xunta de Galicia un protocolo de colaboración, que permitirá a posta en marcha desta iniciativa para a que recibimos 2,7 millóns de euros da Unión Europea”.