Deputación de Lugo

A Conselleira de Sanidade confirma que se apuran os prazos para o proceso de transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS

María José Rubio asegurou que durante este ano e medio chegáronse a importantes acordos a través de tres Comisións de Valoracións

A Conselleira de Sanidade presentou o proxecto do seu departamento para crear unha Rede Integrada de Laboratorios de Saúde Pública de Galicia Na posta en marcha deste proxecto investiránse 3,7 millóns de euros e o Laboratorio de Lugo será o centro de referencia de Galicia A Conselleira de Sanidade, María José Rubio, confirmou este mércores que se están a apurar os prazos para o proceso de transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS. A titular do departamento autonómico sinalou que “durante este ano e medio chegáronse a importantes acordos a través de tres Comisións de Valoracións, o que permitirá que finalmente Deputación e Consellería poidamos asinar esa transferencia na que ámbalas dúas institucións estamos traballando para que sexa canto antes. O que é importante é a intención e a predisposición que temos para esa labor que as dúas partes temos que delimitar”. Deste xeito, nos vindeiros días haberá novos encontros da Comisión Técnica nos que se analizará a situación do persoal, así como os dereitos específicos vencellados ó Acordo Marco e ó Convenio. Durante 2008 houbo varias negociacións que permitiron chegar a acordos importantes. No mes de xullo a Deputación de Lugo, a través da Área de Recursos Humanos, Formación e Réxime Interior, e os integrantes da Mesa Xeral de Negociación, formada pola Xunta de Persoal, o Comité de Empresa e os catros sindicatos -CIG, CCOO, CSI-CSIF e UXT-, chegaron a un acordo sobre a valoración dos postos de traballo dos hospitais provinciais de San José e do Centro Residencial e Rehabilitador de San Rafael, que foi aprobada definitivamente polo Pleno o 30 de decembro de 2008, logo de 30 días de exposición ó público. Este foi un traballo fundamental e decisivo para iniciar o proceso de transferencia ó SERGAS. O acordo afectou a 230 traballadores e ten efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2008, co cal este goberno fixo un esforzo importante, a diferenza do Partido Popular que incumpriu o compromiso de facer esta valoración no ano 2004, o que provocou que os traballadores perdesen 4 anos de retribucións. Rede Integrada de Laboratorios de Saúde Pública de Galicia A transferencia dos hospitais provinciais foi un dos temas tratados na presentación na presentación que realizou a Conselleira de Sanidade do proxecto para a creación dunha Rede Integrada de Laboratorios de Saúde Pública en Galicia. Trátase dun innovador proxecto que está a poñer en marcha a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, e que permitirá unha maior especialización dos laboratorios de saúde pública de Galicia, suporá un investimento de preto de 3,7 millóns de euros, dos que 2.955.520 serán financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o resto polo Goberno galego. No acto de presentación do laboratorio central de Lugo tamén estiveron presentes o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde da cidade, José López Orozco, o delegado provincial de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois, e o director xeral de Saúde Pública, Ramón Medina González-Redondo, ademais de deputados e outras autoridades. A estrutura da nova Rede Integrada de Laboratorios de Galicia configúrase cun laboratorio central e tres laboratorios provinciais. Ó ser o de Lugo o máis especializado e mellor dotado, a Consellería de Sanidade considerou lóxico que o laboratorio central se situara nesta cidade, absorbendo ó actual Laboratorio da Delegación de Sanidade. Para iso, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal realizará obras de remodelación nunha parte do actual hospital Materno-Infantil. Esta nova forma de xestión facilitará a especialización dos laboratorios e do persoal que traballa neles, que desenvolverán habilidades específicas, optimizando así o tempo, os recursos e, como non, a protección da saúde de todos os cidadáns. Neste contexto é previsible que, cos mesmos recursos, podan facerse máis analíticas, mellorando pois o servizo que os laboratorios prestan á sociedade galega. Como laboratorio de central ou referencia, o de Lugo será o que lidere a actividade da rede de laboratorios de Galicia, polo que será equipado coa tecnoloxía máis avanzada e contará cos mellores profesionais da rede nas áreas de microbioloxía e físicoquímica. O laboratorio de Lugo foi o primeiro en especializarse A primeira especialización, e tamén a máis importante, foi a do Laboratorio de Saúde Pública de Lugo, ó asumir a realización das analíticas derivadas do Plan Nacional de Investigación de Residuos (PNIR). Isto supuxo, por un lado, o incremento do persoal do laboratorio e implicou o comezo da súa especialización nas distintas técnicas de cromatografía, tanto líquida como de gases, necesarias para levar a cabo estas determinacións. Na actualidade o de Lugo é o laboratorio de saúde pública máis especializado e, loxicamente, o máis dotado de recursos materiais e humanos. O Laboratorio de Saúde Pública de Lugo realiza as análises de mostras de alimentos e medioambientais correspondentes ós diferentes programas da Dirección Xeral de Saúde Pública: análises microbiolóxicas e fisicoquímicas de augas de consumo, praias marítimas e fluviais e piscinas. Conta, tamén, cun amplo catálogo de ensaios acreditados, que abrangue contaminantes orgánicos, residuos en alimentos... Este laboratorio, no que traballan 29 persoas, é, ademais, o laboratorio de referencia da Comunidade Autónoma para o Plan Nacional de Investigación de Residuos en produtos de orixe animal (PNIR) e realiza analíticas do PNIR doutras Comunidades Autónomas que carecen de medios ou técnicas para a súa execución. Igualmente, colaborou co Ministerio de Sanidade na realización de determinadas analíticas de produtos que entran no territorio a través de postos de inspección fronteirizos, especialmente, no que atinxe a residuos de substancias prohibidas na Unión Europea. Tralo afundimento do Prestige, asumiu as analíticas dos produtos de pesca relacionados co verquido de fuel para a deteción de hidrocarburos. Por último, apuntar que tamén se encarga de analizar e verificar, para toda Galicia, o contido de glute dos produtos alimenticios destinados a persoas celíacas. Pola súa banda, o de Pontevedra asumiu as técnicas para a determinación de metais pesados (debido ó peso da industria pesqueira nesta provincia); ó de A Coruña asignáronselle as analíticas correspondentes ao sector lácteo de Galicia e ó de Ourense a análise de augas envasadas e alcol. Ademais disto, os catro laboratorios manteñen as áreas de microbioloxía e o control das augas para dar cumprimento ós plans de mostreo de augas e alimentos da Dirección Xeral de Saúde Pública. A pesar de que os catro laboratorios foron especializándose, os catro seguen a realizar tarefas comúns (como os programas de vixiancia e control das aguas de abastecemento público e de zonas de baño), así como tarefas rutinarias que ocupan gran parte do tempo. Fronte a esta situación, no ano 2007 a Consellería de Sanidade iniciou o proceso para para reformar a xestión da actividade dos laboratorios, integrandoos nunha rede única. Para iso, realizouse un estudo exhaustivo da situación previa de cada laboratorio e deseñouse o proxecto para a creación da mencionada rede, que conta co financiamento do Programa FEDER. A xestión dos laboratorios de saúde pública a través dunha rede integrada “mellorará a competitividade dos mesmos, permitirá unha maior especialización, así como a optimización dos recursos e a racionalización do coste dos programas de prevención e protección da saúde e a súa actualización para cumprir as necesidades derivadas da lexislación vixente, os novos riscos para a saúde e os avances tecnolóxicos. En definitiva, mellorarase a eficiencia na prevención de riscos para a saúde”, dixo María José Rubio. Un proxecto complentario cos programas de saúde pública A Consellería de Sanidade ten, entre as súas competencias, a protección da saúde colectiva da poboación galega. Para cumprir esta finalidade planifica, programa e xestiona actividades de protección da saúde fronte ós riscos asociados ó consumo de alimentos e a contornos específicos. Os laboratorios de saúde pública da Consellería de Sanidade desenvolven unha labor complementaria e imprescindible ós programas de saúde pública, prestando un servizo de verificación e apoio técnico ó proceso de vixiancia e protección da saúde. As súas funcións son, esencialmente, a realización dos ensaios establecidos polos programas de control alimentario e ambiental. Os cambios de hábitos, as novas tecnoloxías, o aumento de industrias contaminantes e de residuos, os intercambios comerciais entre diferentes países, o turismo, a inmigración... implican unha variación dos factores de risco para a saúde da poboación e, polo tanto, do traballo dos laboratorios para garantir un elevado nivel de seguridade alimentaria e ambiental. Na actualidade Galicia conta con catro laboratorios de saúde pública emprazados nas dependencias das delegacións provinciais de Sanidade de cada unha das provincias. Todos eles están acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a realización de ensaios fisicoquímicos e microbiolóxicos en produtos alimenticios e augas. En moitas ocasións estes laboratorios realizan as mesmas análises, duplicando así esforzos e malgastando recursos, tanto humanos como económicos. A pesar disto, os catro laboratorios foron especializándose en virtude da súa distribución xeográfica e dos sectores alimentarios con máis peso específico dentro das provincias na que se atopaban. Mellorar a prevención do control de riscos para a saúde O sistema de calidade que a normativa vixente esixe ós laboratorios implica un investimento continuado e crecente, e os equipos de análise teñen un custe elevado e un mantemento caro. Ademais, a normativa vixente en materia de saúde pública esixe contar con equipos de gran sensibilidade. Ante esta situación, a posta en marcha desta Rede Integrada permitirá optimizar o tempo dispoñible, de forma que se garanta un servizo continuado que cubra os 365 días do ano (necesario nalgúns tipos de analíticas), incrementar a eficiencia do traballo o dos recursos, e a axilización dos trámites legais de análise de alimentos e produtos utilizados na industria da alimentación mellorando, por tanto, a competitividade da mesma e, por extensión, do contorno produtivo galego. A posta en marcha do proxecto finalizará en 2011 Segundo explicou a conselleira de Sanidade, a posta en marcha deste proxecto, recollido dentro do Programa Operativo FEDER de Galicia, finalizará en 2011. Durante o ano 2008 realizouse o estudo previo da situación dos laboratorios, o cronograma, o equipamento inicial ós laboratorios cos equipos necesarios para lograr unha apertura de novas liñas de traballo acordes ás necesidades actuais, e o inicio do Plan Funcional dos Laboratorios, que está a punto de rematar. Para o presente ano, tal e como deu a coñecer a responsable de Sanidade do Goberno galego, licitarse o proxecto arquitectónico de remodelación de parte do hospital Materno-Infantil de Lugo, no que se emprazará o Laboratorio Central; continuarase o equipamento dos laboratorios e abordaranse as obras que se contemplan no plan funcional nos laboratorios periféricos. Finalmente, no ano 2010 iniciaranse as obras de remodelación do Materno-Infantil para crear o Laboratorio Central de Saúde Pública de Galicia. Tal e como manifestou a titular de Sanidade, a creación desta rede integrada de laboratorios é “optimizar a eficiencia na prevención de riscos para a saúde”, posto que esta rede “mellorará a coordinación do traballo dos profesionais dos laboratorios e a súa competitividade a través da especialización, da potenciación da formación e da mellora do seu equipamento”. Rubio Vidal incidiu en que a actividade desenvolvida polos laboratorios da sanidade pública “é esencial para o desenvolvemento da industria agroalimentaria galega e para garantir o cumprimento dos requisitos ambientais, polo que coa nova estrutura proposta acadaránse mellores resultados”. “En definitiva –dixo- o proxecto supón unha innovación total e integral do funcionamento dos laboratorios de saúde pública de Galicia, acadando aspectos non só organizativos senón estratéxicos como a especialización científica, e incrementando a súa eficiencia e produtividade, mellorando con elo a calidade de vida dos cidadáns e a protección da súa saúde, así como o servizo que estes laboratorios prestan á industria agroalimentaria, fundamentalmente”.