Deputación de Lugo

O Museo de Lugo presenta as súas actividades e eventos para o mes de marzo

O papel da muller no sindicalismo galego e a figura de Valle-Inclán serán os protagonistas das dúas exposicións previstas para os próximos días no Museo Provincial

A directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e o responsable da área de Xestión Cultural da Rede Museística de Lugo, Antonio Reigosa, presentaron hoxe as actividades desenvolvidas polo museo para o mes de marzo. O refectorio do Museo Provincial, o Salón de Actos da Deputación e o Museo do Mar en San Cibrao acollerán exposicións, conferencias ou representacións de pequenas pezas teatrais entre outros eventos. Durante a rolda de prensa, a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, lembrou que o programa de actividades deseñado para este mes de marzo pretende achegar os máis novos ao museo, ofertándolles visitas, representacións teatrais e outros eventos que fomenten e melloren a imaxe dos museos, rompendo cos vellos estereotipos. A isto súmaselle o esforzo de pór ao dispor dos visitantes unha ampla e variada gama de actividades que lles permitan acceder á cultura e á historia dun xeito máis ameno e divertido. Tal e como expuxeron Aurelia Balseiro e Antonio Reigosa, ata o vindeiro 12 de marzo, o refectorio do Museo Provincial acollerá a mostra Mulleres e Sindicalismo Nacionalista en Galiza, un breve percorrido que resume, a través de 15 paneis, a historia da participación das mulleres no sindicalismo galego. Como complemento desta exposición, o día 5 de marzo, a secretaria confederal da muller da CIG, María del Carmen López Santamariña, exporá o seu relatorio “Mulleres e Sindicalismo en Galiza” ás 20.00 horas. A segunda das exposicións que acollerá o Museo Provincial é Valle-Inclán: Retratos, Caricaturas e Visións de Siro que se inaugurará o próximo 16 de marzo e que se poderá visitar ata o 19 de abril. Ao igual que a mostra anterior, o evento complétase coa conferencia do propio artista, Siro López, titulada “Ilustracións e Literatura con Valle-Inclán como modelo”. O relatorio impartirase o vindeiro 17 de marzo no Salón de Actos da Deputación. Cultura e ocio para toda a familia Coa intención de atraer a toda a familia ao Museo Provincial de Lugo, o próximo sábado 7 de marzo, o grupo Spaguetti Títeres representará, ás 11:30 horas, a peza teatral Chímpete Chámpete. Nesta mesma liña e coa idea de achegar os máis novos á cultura e á historia das comarcas lucenses, a dirección do museo puxo en marcha o xogo “A peza agachada”. Deste xeito, cada semana do mes de marzo, o persoal do Museo Provincial proponlles aos seus visitantes localizar un peza ou obra en exposición a través dunha serie de pistas. Os máis aleutos recibirán como agasallo unha lámina coa reprodución fotográfica e un texto informativo elaborado por un dos técnicos da Rede, onde aparece a peza ou obra en cuestión. Ademais, o 26 de marzo preséntase un novo número, vai xa polo 17, da revista oral O Pazo das Musas no Museo de Lugo. Dous días despois, o 28 de marzo, tocaralle a quenda ao exemplar número 6 da Voz dos Carraos no Museo do Mar en San Cibrao. A isto sumámoslle que para celebrar os 40 anos de historia do museo máis antigo de Galiza dedicado ao mar, e como mostra de agradecemento, cada día do mes de marzo lembrarase unha peza ou obra do museo e o seu benefactor. O lugar de encontro será a Sala de Navegación ou Baleas do Museo Provincial do Mar, cara ás 17:30 horas todos os martes, mércores, xoves e venres do mes.