O INLUDES recibe un certificado de calidade de AENOR pola execución do Pacto Provincial polo Emprego
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_5083_1.jpg)
O Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) recibiu a certificación de calidade ISO 9001:2008 de AENOR polo deseño e desenvolvemento do Pacto Provincial polo Emprego, un proxecto que puxo en marcha a entidade dependente da Deputación co obxectivo de favorecer a inserción laboral dos lucenses. A Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, recibiu este mércores no salón de actos do INLUDES o distintivo de mans do director da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) en Galicia, Martín Pita López.
Lara Méndez destacou a relevancia do certificado, pois supón que unha entidade independente e de prestixio como AENOR constata unha labor ben feita, a execución modélica dun proxecto de vital importancia como o Pacto Provincial polo Emprego, co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo, nuns momentos difíciles como os actuais, nos que é determinante emprender políticas activas de emprego. Este recoñecemento, que supón o máximo estándar de calidade existente, pon de manifesto que o Pacto é un modelo de xestión e anímanos a seguir traballando na boa dirección, engadiu a Vicepresidenta Segunda, que quixo dar os seus parabéns o equipo de profesionais que fixo posible conseguir o distintivo.
O Pacto Provincial polo Emprego contempla a realización de 45 accións formativas, que benefician a 576 desempregados de tódolos concellos da provincia, excepto o de Lugo, que ten máis de 5.000 habitantes e o seu propio Pacto. Nestes momentos, todos os cursos están en marcha. A formación que se imparte está relacionada coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal, e ten un custe 0 para os participantes, que reciben unha axuda económica equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais. En canto a súa distribución, 246 pertencen ós Concellos da zona centro; 192 á Mariña e 138 á zona sur.