Deputación de Lugo

Deputación e Estado dotan de servizos básicos ós núcleos rurais da provincia coa execución de máis de 100 obras

- Estas actuacións inclúense dentro do Plan de Obras e Servizos de 2011, dotado con 5,5 millóns de euros e financiado nun 75% por ambas as dúas administracións e completado co 25% restante polas entidades locais- Con cargo a esta iniciativa, o organismo provincial acondicionará máis de 26 quilómetros de catro estradas provinciais, que benefician a veciños de 8 Concellos- A Deputación insta á Xunta de Galicia a que realice as obras do PEIM 2009, xa que nas provincias de Pontevedra e Ourense está executado ou en vías de execución o 100% do Plan e amosa o seu apoio para que a administración autonómica declare a Ponte de Cruzul como Ben de Interese Cultural

O Pleno da Deputación aprobou este martes por unanimidade o Plan de Obras e Servizos de 2011, que está dotado con 5,5 millóns de euros e cofinanciado polo Ministerio de Administracións Públicas, o organismo provincial e os Concellos. O POS é un instrumento de cooperación cos municipios, que está a dar bo resultado porque aúna o esforzo das administracións e dota de servizos mínimos e necesarios ós núcleos rurais. Deste xeito, este ano executaranse 103 actuacións, entre as que destacan a mellora de accesos, pavimentación de rúas, abastecementos de auga, mellora da rede de sumidoiros, alumeado público, acondicionamento de centros sociais ou de instalacións culturais. O Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, subliñou que “as obras son as que os Alcaldes propuxeron. Xa quixeramos nós que fixera o mesmo a Xunta de Galicia porque o investimento que está a realizar na provincia é igual a 0. As restricións presupostarias son para todos, pero só pedimos que se apliquen os mesmos criterios”·

Do orzamento global, 3.838.120 euros destínanse á execución de obras de competencia municipal, que son financiadas do seguinte xeito: o MAP aporta o 50% (1.919.060 euros); a Deputación o 25% (959.530) e os Concellos o outro 25% (950.530 euros). Asimesmo, 1.650.000 euros, financiados ó 50% polo Ministerio e a institución provincial, é a cantidade que se destina do POS á mellora de catro estradas de titularidade provincial. Son as seguintes: a que vai de Cereixal a Louxas, dende o punto quilométrico 19,00 ó 26,500, e que comunica ós veciños de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada; o treito comprendido entre o punto quilométrico 0,000 ó 7,419 da estrada de Rao por Murias a Valouta (Navia de Suarna); e de Ruanova por Sixto a Muras, dende o quilométrico 0,000 ó 5,500. Esta enlaza os Concellos de Ourol e Viveiro. Finalmente, en Sarria, acondicionaranse preto de seis quilómetros do vial que vai de Mesón de Alvaredo a San Martín de Loureiro.

Criterios obxectivos

Para a configuración do Plan aplicáronse os mesmos criterios que se empregaron por primeira vez en 2008. Todos os Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros, e para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación, e o 15% restante corresponde á carga fiscal. En 2010, nos municipios executárone total de 107 obras, das que 81 obras formaban parte do Plan e 26 dentro do Complementario que se fai cos remanentes das primeiras. No caso das obras da Deputación, na anualidade anterior incluíronse dúas estradas provinciais que nestes momentos están en obras: a que vai de Areas, por Oirán, a Ver, e que comunica os Concellos de Mondoñedo, Alfoz e Foz, e a que vai de Navia de Suarna por Silvouta a Vilaquinte.
Axilización de obras

O organismo provincial insta á Xunta de Galicia a que execute de inmediato as obras contempladas no PEIM 2009. O equipo de goberno deu o visto e prace á proposta na que se pon de relevo que pasaron dous anos dende a aprobación do Plan e a administración autonómica aínda non realizou o 64% das actuacións previstas para a provincia. Ademais, o Executivo Galego non realizou ningunha nos Concellos que non están gobernados polo Partido Popular.

O PEIM está financiado polo Estado nun 75% e pola Xunta no 25% restante e, á diferenza do que acontece na de Lugo, nas provincias de Pontevedra e Ourense non só está executado ou en vías de execución o 100% do Plan, senón que nos Concellos destas dúas provincias contempla máis obras. Neste senso, o voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, destacou que “isto é escandaloso, inexplicable e incrible. Juárez é o peor Conselleiro da historia da Comunidade Autónoma. Isto é o que se constata. Son cifras que dá a propia Consellería e que demostran a pasividade absoluta do seu responsable”. Neste senso, Gato Soengas comparou a situación da provincia co resto de Galicia. En Lugo, 34 obras están sen iniciar, 12 en execución e 37 rematadas. En Pontevedra, só 3 están sen comezar, 19 están iniciadas e 47 finalizadas. Polo que se refire a Ourense, tal e como explicou o voceiro provincial socialista, as cifras aínda son máis alarmantes: 19 actuacións están en execución, 0 sen comezar e 100 están rematadas. Ante esta situación, Antonio Gato engadiu que “por que se dá esta situación en Lugo? Eu pregúntolle ó señor Barreiro se pode facer algo?. Eu mesmo coloquei os carteis antes da campaña electoral nos lugares nos que aínda non se fixeron as obras para que os veciños estén enterados”.

Con estes antecedentes, o equipo de goberno cre que se vai a dar unha situación semellante co programa de acceso ás explotacións de vacún, xa que “a día de hoxe só tres obras están contratadas e pertencen a Antas de Ulla, Monterroso e Outeiro de Rei. Asimesmo, a Consellería rematou as de Vilalba e Paradela, o que significa que outras 41actuacións previstas aínda están en trámite. Esta é a situación deste segundo plan que, desgraciadamente, leva o mesmo camiño que o PEIM 2009. Isto só ten unha explicación: ou o señor Barreiro no PP ten pouca consideración política ou non se preocupa da provincia como debería de facelo”.

A Ponte de Cruzul, Ben de Interese Cultural

Asimesmo, aprobouse por unanimidade a declaración institucional para que a Ponte de Cruzul, situada no municipio de Becerreá, sexa declarada Ben de Interese Cultural (BIC) por parte de Xunta de Galicia. Deste xeito, o organismo provincial amosa o seu apoio á petición realizada polo Concello en xuño de 2009, data na que acadou o acordo unánime de todos os grupos políticos.

Trátase dunha das infraestruturas máis relevantes da provincia, xa que é a única das existentes que pertence ó Neoclásico. Foi construída a finais do século XVIII, baixo os mandatos de Carlos III e Carlos IV. Está formada por tres arcos e ten 93 metros de longo 29 de alto.