Deputación de Lugo

A Deputación executará preto de 300 obras nos Concellos por valor de 3,4 M€ co Plan de Comunidades Veciñais

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno aprobou as actuacións contempladas nesta iniciativa para as que destina preto do 70% do importe total, en total 2,3 millóns de eurosRexistráronse 584 solicitudes de obras de entidades asociativas de toda a provincia, agás de Rábade que non presentou ningunha O Plan foi aprobado pola Comisión de Avaliación na que participaron todos os grupos políticos. “Dende que este equipo de goberno entrou na Deputación, por primeira vez a oposición ten a oportunidade de tomar parte. Ademais, agora as asociacións cóbrannas rapidamente”

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres as obras do Plan de Comunidades Veciñais de 2011 co que o organismo provincial seguirá aumentado a cooperación cos Concellos da provincia. Deste xeito, un total de 295 entidades asociativas beneficiaranse doutras tantas obras que se executarán ó longo deste ano e que 3,4 millóns de euros. Desta cantidade, a Deputación achega o 67,6%; é dicir, 2,3 millóns, e as asociacións veciñais, o 29% restante, 1 millón de euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “este ano adiantamos en dous meses a posta en marcha desta iniciativa porque se trata dun bo modelo para axudar ós Concellos nestes momentos nos que teñen tantos problemas de liquidez”.

Trátase dunha iniciativa que mellora as economías locais, xa que está destinada ás parroquias dos Concellos. En total, asociacións de todos os Concellos, agás do de Rábade que non presentou ningunha, realizaron 584 solicitudes de obras, que ascenden a 5 millóns de euros. O Plan foi aprobado pola Comisión de Avaliación na que participaron os grupos políticos. “Dende que este equipo de goberno entrou na Deputación, por primeira vez a oposición ten a oportunidade de tomar parte na valoración. Ademais, agora as asociacións cóbrannas rapidamente, dende o momento que as xustifican. As de 2010 están todas practicamente tramitadas”, engadiu Antonio Gato.

Deste xeito, subvenciónanse pequenas obras que os Concellos non poderían acometer sen a colaboración da Deputación. É o caso de pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos e pavimentacións, rede de sumidoiros, alumeado público ou acondicionamento de camiños rurais.

As axudas que concede a Deputación para calquera das actuacións non supera os 12.000 euros, é dicir, o 75% do importe total da obra, de xeito que o 25% restante é aportado polos colectivos veciñais. Precisamente, na sesión de hoxe aprobáronse 9 contas xustificativas do Plan de 2010 por importe de 95.219 euros, dos que a Deputación achega 72.823. Pertencen ós Concellos de Triacastela (2), Sarria (2), Meira, Navia de Suarna, Palas de Rei, O Vicedo e Riotorto.

Máis colaboración

Esta iniciativa súmase a outras que o organismo provincial puxo en marcha como o Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes. Nos 54 municipios, que se atopan dentro deste grupo, acometeranse este ano actuacións por valor de máis de 1,5 millóns de euros.

En 2011, este Plan experimentou un incremento de máis do 30% con respecto a 2010, data na que a achega do organismo provincial foi de 800.000 euros. Deste xeito, a aportación da Deputación deste ano é de 1.042.307 euros, o 67,87% do orzamento total e, a dos Concellos, o 32,12% restante: 493.297 euros.

Outros acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno tamén aprobouse a adxudicación de tres novas actuacións dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública que o Presidente subscribiu con 9 Concellos da provincia. Trátase da reforma do alumeado na Praza da Mariña e nas rúas Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, así como do axardinamento da Avenida Arcadio Pardiñas, en Burela. Estes proxectos suman un total de 267.899 euros. Tamén se adxudicou o subministro da instalación de bombas para impulsión de augas residuais nas parroquias de Cangas e Pontevella, en Foz, por valor de 146.379 euros.

Asimesmo, fóra da Orde do Día e dentro do canon, aprobouse o acondicionamento do acceso das Neves a Xián, dende o punto quilométrico 4 ó 6,940; en Taboada. O investimento que realiza a institución provincial neste caso é de 132.424 euros. Tamén se ratificou a proposta para solicitar á Universidade de Santiago de Compostela que garanta o seu mantemento das titulacións necesarias para garantir que o profesorado, o estudantado, así como o persoal investigador continúen desenvolvemento a súa actividade no Campus lucense. O acordo será trasladado ó Reitor da USC, Juan Casares Long.