Deputación de Lugo

Besteiro destaca o carácter único da Feira da Verza de Guitiriz e anima a difundir un produto cun gran potencial

O Presidente da Deputación deu o pregón do festexo que a parroquia de Labrada celebra dende hai catro anos, no que convidou ós produtores desta verdura a ter en conta a posibilidade de comercializala baixo a marca Lugo Sabe A unión veciñal que fomenta a celebración, e o reclamo que supón para atraer visitantes ó Concello, foron outros dos aspectos que Gómez Besteiro gabou

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, foi o pregoeiro da Feira da Verza e do Lacón Cocido que a parroquia guitiricense de Labrada celebra cun gran éxito de participación dende que arrancou no ano 2008. Besteiro destacou na súa intervención ante os numerosos asistentes o carácter único desta cita en Galicia e practicamente en España. “Hasta Torremolinos temos ir para ver unha celebración semellante a esta. Fixádevos se tedes unha festa especial”, sinalou o Presidente provincial, que deu os seus parabéns ós veciños por poñer en marcha unha iniciativa, na que tamén lles recoñeceu un destacado papel como “padriños” á Alcaldesa, Regina Polín, “a quen sei que lle roldaba a idea pola cabeza dende o 2003”, e ó párroco, Luis Ángel Rodríguez Patiño, quen, dinamizando o movemento asociativo, creou o caldo de cultivo propicio para que arrancase a festa.

Gómez Besteiro animou ós veciños de Labrada a seguir cultivando e promocionando a verza, pois este produto, “que foi imprescindible na dieta dos galegos dende sempre”, ten un gran potencial culinario, “do que a cociña de vangarda se está dando conta”, e ademais a súa variedade rizada, a propia de Guitiriz, “é máis branda e suave, sabe mellor”. “Temos que contribuír entre todos a poñela de moda”, indicou. Neste senso, convidou ós produtores a ter en conta a vía de comercialización que supón a marca Lugo Sabe creada pola Deputación e estudar a posibilidade de acollerse a ela. Recordou que os 150 primeiros produtos elaborados baixo este distintivo están á venda dende onte mesmo nos supermercados Cemar e en catro estacións de servizo da A-6, precisamente en Guitiriz e O Corgo.

A unión veciñal que fomenta a Feira da Verza foi outros dos elementos que gabou Besteiro do festexo, pois mobiliza ós 320 veciños desta parroquia e atrae a ducias de persoas de localidades dos arredores, sobre todo de Xermade, e do resto da provincia. Convértese deste xeito ademais “nun reclamo para que as xentes doutros lugares se animen a coñecer o fermoso que é Guitiriz en xeral e Labrada en particular”, parroquia na que, apuntou o Presidente, se encontran “dous dos tesouros do patrimonio cultural do municipio: a igrexa de Santa María e o conxunto monástico da Granxa, e que destaca por ser o núcleo con máis cruceiros do Concello e albergar canteiras de granito silvestre, un dos poucos lugares de Galicia nos que existe”.

Tras a lectura do pregón, comezou a sesión vermú a cargo da orquestra “Súper Fama” e tivo lugar unha comida campestre a base de caldo de verza e cocido. Xa pola tarde, entregáronse os premios ás mellores cestas adornadas con verzas e produtos da matanza, houbo un concurso de baile, organizado coa colaboración do Club de Pensionistas de Guitiriz, e unha churrascada para cear. Ademais, ó longo de toda a xornada houbo unha exposición de maquinaria. De amenizala verbena ocupouse de novo a agrupación “Súper Fama”.