Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participará mañá nos actos da Semana Santa de Viveiro

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación acompañará ó Alcalde na procesión do Santo Enterro, un dos actos centrais da festividade relixiosa, convertida nun referente en GaliciaO organismo provincial reivindica a súa declaración de Interese Turístico Internacional pola súa gran tradición, a calidade dos pasos, o dinamismo das confrarías e a repercusión económica que leva consigo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participará mañá venres na procesión do Santo Enterro de Viveiro, un dos actos máis relevantes e multitudinarios da Semana Santa da cidade. Besteiro acompañará ó alcalde viveirense, Melchor Roel, na percorrido dos pasos, que partirán da igrexa de Santa María. Organizada pola Confraría do Santísimo Rosario, a procesión está composta por tres imaxes: A Magdalena, O Santísimo Cristo Xacente e a Virxe da Soidade.

O organismo provincial aposta por facer da Semana Santa de Viveiro “a mellor de Galicia” e reivindica que a celebración -de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988- acade este recoñecemento a nivel internacional debido á repercusión económica que leva consigo. A Paixón viveirense é dende hai moitos anos, xunto coa de Ferrol, un referente na comunidade galega e mesmo en España, destacando pola súa grande tradición (con 8 séculos de historia), a calidade das procesións, o dinamismo das confrarías, a gran implicación dos viveirense e a multitude de xente que atrae.

Malia que este Concello é o que máis sona ten, toda a Mariña ten atractivo e logra reunir a numerosos visitantes durante a Semana Santa, tanto polas procesións como pola oferta hostaleira e gastronómica que ofrece. Deste xeito, outros municipios que celebran con fervor os actos relixiosos son Ribadeo, Mondoñedo, Burela, Foz e O Valadouro.

A xornada de mañá é unha das máis intensas desta festividade en Viveiro. Os actos comezarán pola mañá, ás 10:00 horas, co coñecido Encontro na Praza Maior, organizado pola Venerable Orde Terceira Franciscana. A mediodía terá lugar o Sermón das Sete Palabras e pola tarde, ás 18:30 horas, o Descendemento ou Desencravo, a cargo da Confraría do Santo Rosario, seguido, ás 19:30, da procesión do Santo Enterro, na que participarán autoridades como o Presidente Provincial e o alcalde. Pola noite, a partir das 22:30 horas, celebrarase a procesión da Paixón, da que se encarga a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade e colaboran as irmandades do Prendemento, das Sete Palabras e da Santa Cruz; e ás 00:30 horas comezará a procesión da Soidade, coñecida como a Dos Caladiños, a cargo da Venerable Orde Terceira Franciscana.

A programación continuará o sábado coa procesión da Esperanza da Resurrección, ás 19:30 horas, e o domingo, coas do Encontro da Resurrección, ás 12:00, e a do Vía Crucis, ás 20:00.