Deputación de Lugo

A Deputación inicia a escritura dos terreos para situar a nova factoría de PACADAR no polígono de Monforte

- O organismo provincial formalizou opcións de compra de máis de 20 parcelas que superan os 100.000 metros cadrados acordados coa entidade de prefabricados de formigón- O prezo de compra é para todos os casos iguais e o de venda 12 euros, cantidade que representa a suma dos custes de adquisición e urbanización supoñendo un beneficio cero- Nos vindeiros días, a Deputación citará xa os propietarios para entregar a documentación logo, a axilidade dos seguintes trámites dependerá da Xunta e o Concello de Monforte

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou este mércores que a semana que vén comezaranse a escriturar os terreos para situar a nova factoría de PACADAR no polígono do Reboredo, en Monforte de Lemos. Gómez Besteiro fixo este anuncio logo da celebración do Consello de SUPLUSA -entidade do organismo provincial- no que se deu o visto e prace a este trámite. A Deputación formalizou opcións de compra de máis de 20 parcelas que superan os 100.000 metros cadrados garantindo deste xeito, a superficie marcada no convenio asinado con PACADAR. O prezo de adquisición acordado é o mesmo para todos os casos. Mentres, o de venda á dita entidade de prefabricados de formigón será de 12 euros. Esta cantidade representa a suma dos custes dos terreos e os de urbanización, facendo que o beneficio para a Deputación sexa cero.

O organismo provincial citará xa nos vindeiros días ós propietarios dos primeiros terreos a adquirir para que entreguen a documentación necesaria. Unha vez que a Deputación sexa a propietaria destes espazos, o seguinte paso será converter o solo rústico en urbano. A axilidade deste trámites dependerá da Xunta e o Concello, administracións que deben aportar as licenzas correspondentes. A continuación, SUPLUSA redactará o proxecto para logo executalo. Segundo as previsións dos técnicos provinciais, as obras comezarán en 2012.

Novos empregos

O convenio que a Deputación asinou con PACADAR conleva a maior operación de xeración de emprego dos últimos 20 anos para a Comarca de Lemos. Trátase dun proxecto de enorme envergadura, que dará traballo a 100 lucenses. Isto permitirá, mellorar a competitividade da zona sur da provincia e combater o despoboamento demográfico.

PACADAR é unha firma decana no mundo da fabricación de pezas de formigón, que leva máis de 50 anos ó servizo de todos os sectores da construción. Na actualidade, posúe 6 fábricas, as de maior lonxitude na industria española e cos parques de almacenamento máis extensos, que se atopan estratexicamente afincadas en Madrid, Barcelona, Valencia, Toledo e Sevilla. A infraestrutura lucense atenderá as necesidades do mercado en Galicia, Asturias, no oeste de Castela e León, e no norte de Portugal.

Dende a súa constitución en 1944, proxecta e prefabrica as pezas máis difíciles e complexas de formigón tanto para obra civil como para edificación no país. Foi pioneira en España na realización de vigas pretensadas, de taboleiros con vigas prefabricadas para a construción da Ponte de Anoeta, ou do edificio en altura con núcleos ríxidos. Ademais, tamén foi a primeira entidade en elaborar no país un programa de naves industriais prefabricadas, e outros de pasarelas peonís tamén con vigas prefabricadas.