Deputación de Lugo

Concello e Deputación instan á Xunta a cofinanciar un innovador centro de discapacidade que sustituirá ó psiquiátrico de Castro

Trátase da iniciativa impulsada pola Fundación FUDACE, quen xa solicitou ó Ministerio de Medio Ambiente, unha subvención de 5 M€ para rehabilitar o edificio e crear unha novo centro de atención a grandes discapacitados que cubra a falta de recursos en Galicia.Logo que Núñez Feijóo incumprise a súa promesa hai xa dous anos de manter aberto un centro sociosanitario no psiquiátrico, Concello e Deputación víronse na obriga de buscar alternativas que evitasen a perda de poboación e de riqueza económica no municipioSe finalmente se consolida esta axuda do Ministerio, ata o de agora ben valorada, as obras comezarían o 1 de outubro e o organismo provincial cederíalle estas instalación á Fundación sen ánimo de lucro

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, acompañados dos Tenentes-Alcaldes Mario Saavedra e Ana Canto, instaron hoxe á Xunta de Galicia a que cofinancie un innovador centro para discapacitados que substituirá ó antigo hospital psiquátricio de San Rafael. A alternativa, procurada pola entidade local ante a falta de resposta do Presidente do Executivo Galego, Alberto Núñez Feijóo, quen en xaneiro de 2009 -xusto dous meses antes dos comicios autonómicos-, se comprometera a manter estas instalacións sociosanitarias no municipio chairego.

Logo de estar dous anos esperando unha resposta e unha entrevista persoal co Presidente, Concello e Deputación buscaron alternativas que evitasen a perda de poboación e de riqueza económica debido ó peche do psiquátrico provocado pola Xunta de Galicia. A máis avanzada é a proposta da Fundación FUDACE, que tamén ten a súa sede no municipio chairego. Esta entidade sen ánimo de lucro, a través da Lei para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño, solicitou unha subvención de 5 millóns de euros para rehabilitar o edificio e ofrecer os seguintes servizos:

1.- Un novo centro de atención a grandes discapacitados que cubra a falta de recursos na Comunidade Autónoma, xa que o único actual destas características está en Ferrol e ten unha ampla lista de espera;

2.- Ampliar o número de prazas para persoas con dano cerebral, que complementaría a primeira función;

3.-Poñer en marcha un centro para atender discapacitados con trastornos de conducta. Son casos complicados para a Administración pero que con frecuencia non hai onde tratalos.

4.- E, por último, un centro de novas tecnoloxías e produtos de I+D+I que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas dependentes, un campo tamén pioneiro en Galicia pero que está a significar unha importante oportunidade de traballo en Madrid, Barcelona, Valencia e o País Vasco.

Explicacións de Núñez Feijóo

O Alcalde de Castro de Rei anunciou que enviará unha carta a Núñez Feijóo “para que dé explicacións porque, dous anos despois de comprometerse con este Concello, non deu ningunha contestación, e para que se implique economicamente neste proxecto, ó que debe sumarse despois do agravio que causou ós veciños de Castro de Rei”.

A este respecto, lembrou que no centro sanitario traballaban 120 efectivos sanitarios que prestan atención a 180 doentes, “que están moi integrados no pobo e realizan un gasto moi importante”. Valiño subliñou que “o que non pode facer un político é mentir, ten que dar explicacións. Agora entendo o motivo de por que Feijóo acudiu á presentación da candidatura do PP dos Concellos veciños e aquí non veu”. Pola súa banda, Gómez Besteiro destacou que “a Deputación sempre respaldará ó Concello de Castro, quen neste caso está liderando un plan de viabilidade con retorno económico co que tamén fixará poboación. Estamos acostumados ó bloqueo da Xunta de Galicia en Castro, como nos fixo coa construción do centro de recría”.

De concederse esta axuda, que polo momento está moi ben valorada no Ministerio, está previsto que as obras comecen o 1 de outubro. A Deputación, como propietaria, cedería as instalacións do psiquiátrico. Segundo ten previsto o Estado a través da Lei para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, Galicia recibirá 170 millóns de euros. FUDACE, Deputación e Concello aspiran a obter 5 millóns para o proxecto de viabilidade que garantizaría un novo futuro no centro de Castro Riberas de Lea.