Deputación de Lugo

Preto de 30 persoas estrearán mañá os paseos en catamarán polo Miño con música Chill Out, dentro de Ligoteando

A actividade lúdico medioambiental do programa Lugoteando, que inclúe ademais pinchos e degustación dun cóctel de produtos autóctonos, continuará o vindeiro sábado 3 de xuñoEn total, 440 persoas xa participaron na iniciativa organizada pola Deputación e o Concello da capital para poñer en valor o río, e que se suman ás 50 inscritas para esta fin de semanaA programación en Lugo seguirá os días 4 e 5 do mes que vén, na que os asistentes poderán disfrutar de actividades como wakeboard, bolas acuáticas, sea scooter, paddle surf, circuítos en patín eléctrico ou rutas pola ribeira

Preto de 30 persoas participarán mañá nos Paseos Chill Out, incluídos na modalidade de Ligoteando que forma parte das actividades lúdico-medioambientais do programa Lugoteando que organizaron conxuntamente a Deputación e o Concello de Lugo para poñer en valor o río Miño. Neste senso, os participantes, a partir das 20:00 horas, disfrutarán dunha travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel de produtos autóctonos por tan só 15 euros. Esta mesma actividade desenvolverase novamente o vindeiro sábado, 4 xuño.

Asimesmo, o día 28, repetiranse os paseos en batuxo –unha velada de 30 minutos a bordo desta tradicional embarcación galega con degustación dun cóctel de produtos autóctonos. A inscrición neste caso custa 10 euros. Polo demais, este sábado e domingo continuarán o resto de actividades de ocio ecolóxico de Lugoteando, con máis de 50 persoas anotadas. Haberá wakeboard, opción para a que unha fin de semana máis as prazas están xa cubertas; bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.

A oferta programada está dirixida a toda familia e custa 5 euros por persoa para potenciar a participación. En total, dende que a Deputación deu o pistoletazo de saída a esta iniciativa, 440 persoas tiveron a oportunidade de disfrutar do río doutra forma.

A Mariña

Nesta segunda tempada de Lugoteando, como novidade, haberá actividades na Costa, que terán lugar en xuño: os días 11 e 12 Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas no horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Nestes tres Concellos mariñanos desenvolveranse as mesmas actividades que en Lugo, exceptuando Ligoteando e incluíndo a maiores a práctica de kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas.

Inscrición

Os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico poden inscribirse chamando ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben facelo na propia localización das actividades, antes de comezar, o que non garante que haxa vacantes. O pago das cotas de inscrición poderase efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273 co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Pódese obter máis información en: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamando ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo. No caso dos menores de idade, deben presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.