Deputación de Lugo

Éxito de convocatoria do encontro de Eurovisión organizado pola Deputación en San Marcos

Ducias de persoas se achegaron ós xardíns da sede do organismo provincial para apoiar a Lucía Pérez nunha xornada lúdica na que gozaron de numerosas actividades gratuítas e viron a retransmisión do festival en dúas pantallas xigantes Os asistentes entraron en sorteos de agasallos e participaron en karaokes, xogos hinchables, talleres para elaborar chapas e bandeirolas, unha pista de baile virtual ou un obradoiro para coñecer como ser cámara de televisiónDegustaron así mesmo produtos de Lugo Sabe, cedidos de balde por sete empresas que acadaron esta marca de calidade creada pola Deputación

O encontro de apoio a Lucía Pérez organizado este sábado pola Deputación de Lugo nos xardíns do Pazo de San Marcos tivo un gran éxito de convocatoria. Ducias de persoas se achegaron á sede do organismo provincial para animar á cantante do Incio no seu paso polo Festival de Eurovisión nunha xornada lúdica que se desenvolveu baixo o lema Todos con Eurovisión. Todos con Lucía. Todos na Deputación de Lugo e na que houbo numerosas actividades gratuítas pensadas para tódolos públicos e sorteos, ademais da retransmisión en directo do certame da canción en dúas pantallas xigantes, instaladas nos propios xardíns e no salón de actos.

Entre os asistentes estiveron as deseñadoras lucenses que vestiron a Lucía Pérez para a súa actuación, Sara Lage e Maru Calderón, e representantes da zapatería que lle cedeu o calzado, Dick & Paul. Todos os participantes gozaron a partir das 18:00 horas de karaokes, xogos hinchables e talleres para elaborar chapas e bandeirolas coa imaxe da primeira representante galega de España en Eurovisión. O Centro de Innovación Social In Lugo, o primeiro destas características en Galicia, instalou unha pista de baile virtual na que pequenos e maiores puideron practicar todo tipo de pasos de danza. Así mesmo, a Fundación TIC mostrou nun obradoiro como ser cámara de televisión e elixiu entre o público a través dun cásting colaboradores para apoiar ó presentador que se ocupou de guiar a gala.

Tamén se ofreceron degustacións gratuítas de Lugo Sabe, a marca creada pola Deputación para poñer en valor os produtos autóctonos. Sete empresas que acadaron este distintivo de calidade cederon de balde artigos de alimentación, como embutidos, queixos, pan, empanadas e doces. As firmas colaboradoras no evento foron: Queixos Pacita, Jamones González, Daniberto, Torre de Núñez, Panadería Concha e pastelerías La Esquina e La Alianza, ademais da cadea de supermercados Cemar, que distribúe nos seus establecementos os produtos de Lugo Sabe.

Ó longo da tarde tamén houbo visitas guiadas en pequenos grupos polas inmediacións do edificio da Deputación nas que técnicos do Plan Urban, impulsado polo Concello lucense e a institución provincial, explicaron en que consisten as obras de remodelación e mellora que se están levando a cabo nos propios xardíns e na praza de San Marcos, e como quedarán estes espazos tralas actuacións, que concluirán neste mes. Deste xeito, os participantes nos circuítos tiveron a oportunidade de coñecer por exemplo que especies arbóreas se plantarán na praza de San Marcos e por que; como a parte traseira do pazo quedará proximamente aberta ó público, ó incorporarse ó paseo interior da Muralla, e como funcionará a rede wifi de conexión gratuíta a Internet que se está instalando.

Ás 21:00 horas comezou a retransmisión en directo de Eurovisión en dúas pantallas xigantes colocadas nos xardíns exteriores e no salón de actos da Deputación. Durante a duración do festival houbo numerosos sorteos de agasallos.