Deputación de Lugo

A Deputación rematará no prazo dun mes as obras de mellora na estrada de Xián ás Neves, en Taboada

O organismo provincial iniciou hoxe os traballos que inclúen a aplicación de aglomerado en quente nun treito de preto de 3 quilómetros e que forman parte do Plan de Obras do canon de 2010A Deputación pagou a Taboada esta débeda histórica en tan só tres anos, investindo máis de 538.000 euros en varias obras coas que dotou de servizos básicos ós veciños, e coas que mantivo uns 40 postos de traballoGómez Besteiro destaca a xestión levada a cabo xa que dos seis proxectos acometidos xa están executados preto do 90%

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes o inicio das obras de mellora que realiza o organismo provincial na estrada municipal que vai de Xián ás Neves. A Deputación acomete esta actuación dentro Plan de Obras do canon de 2010, que inclúe a limpeza de cunetas, bacheo e aplicación de aglomerado en quente no treito comprendido entre o punto quilométrico 4,000 ó 6,940. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “hoxe comezamos os traballos tan demandados polos veciños de Taboada, xa que se trata dunha vía con gran afluencia de tráfico. Mellorar o seu firme era unha necesidade e dentro dun mes os usuarios poderán disfrutar dunha estrada en perfectas condicións”.

O investimento que realiza a Deputación nesta actuación é de 134.000 euros, e engádese ós traballos de mellora realizados con anterioridade nesta mesma vía, concretamente no treito que vai dende o punto quilométrico 0,000 ó 4,000.

O 90% das obras executadas

A Deputación pagou a Taboada a débeda histórica do canon a pesar de que non existía unha sentenza favorable como en Chantada. Segundo o reparto, a este municipio correspondéronlle preto de 538.300 euros, que foron destinados á execución de varias obras moi demandadas polos veciños e que foron consensuadas co propio Alcalde.

Neste senso, Gómez Besteiro confirmou que xa están rematadas o 90% das actuacións incluídas no Plan que o organismo provincial financiou nas anualidades 2008-2009-2010. É dicir, dos seis proxectos incluídos na iniciativa só faltaría por rematar a mellora de varias beirarrúas do núcleo urbano. A este respecto subliñou que “grazas ó canon Taboada dispuxo duns cartos a maiores que serviron para crear novos postos de traballo e para executar obras moi necesarias para os cidadáns. Hoxe demostramos que a Deputación cumpre coa palabra dada a este Concello e ós veciños”. As obras executadas, ademais das iniciadas hoxe, son as seguintes:

Acondicionamento dos accesos a Sobrecedo de Abaixo e de Arriba
Mellora das rúas Peizás, Polvorín e acceso ó campo da festa
Acondicionamento dos acceso a Insua-Vilar
Acondicionamento do acceso a Castelo-Ider.