Deputación de Lugo

A Deputación asume os soldos dos bombeiros interinos de Monforte ata a súa integración no Consorcio

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno deste xoves aprobará a proposta para o financiamento dos salarios dos catro profesionais dende xaneiro ata outubroO organismo provincial lamenta que a Xunta rexeitase celebrar hoxe o Pleno do Consorcio no que estaba previsto aprobar a integración do parque monfortinoGómez Besteiro aproveitará a vindeira xuntanza para reclamar a colaboración da administración autonómica e garantir a cobertura á Montaña

A Xunta de Goberno extraordinaria que celebrará o equipo de goberno este xoves aprobará a o convenio co Concello de Monforte de Lemos para o financiamento dos soldos dos catro bombeiros interinos do parque das Lamas ata a súa integración no Consorcio. Deste xeito, a institución que preside José Ramón Gómez Besteiro garante que estes profesionais cobren a súa nómina como cada mes ata o momento no que pasen a formar parte de dito organismo ó igual que o resto de bombeiros que dende o día 1 deste mes prestan o seu servizo nos parques de Barreiros, Vilalba, Viveiro, Sarria e Chantada.

Precisamente, a Deputación tiña previsto convocar este mércores a reunión do Pleno para dar o visto e prace á adhesión do parque monfortino ó Consorcio. Finalmente, esta xuntanza non se puido levar a cabo debido a que a Xunta de Galicia manifestou o seu rexeitamento á celebración de dita reunión. Este é o último paso que lle queda por dar ó Consorcio para que a rede provincial de bombeiros esté totalmente a pleno rendemento, logo de cumprir o obxectivo de poñer en marcha a principios de mes o resto dos parques.

Neste senso, a cantidade que destina a Deputación ó financiamento dos soldos dos 4 bombeiros correspondentes ás nóminas do período xaneiro-novembro de 2011, ambos os dous meses incluídos, é de 130.000 euros. No caso dos outros 5, que eran funcionarios de carreira, o Concello aprobou por unanimidade en marzo a súa integración na área municipal de recente creación denominada “Servizos á Comunidade”. Co obxectivo de efectuar a integración das instalacións de Monforte, a Deputación convocará a vindeira semana a reunión coa Xunta para rematar este proceso.

O Consorcio aprobou en setembro a contratación dos parques da zona sur Chantada, Sarria e Monforte de Lemos por valor de 17.808.000 euros, financiados ó 50% polas administracións provincial e autonómica. A concesión que, inicialmente ten 8 anos de vixencia, foi adxudicada á empresa Natutecnia. Estas infraestruturas dan cobertura a 25 Concellos: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela. No caso dos da zona norte (Vilalba, Barreiros e Viveiro) cubren as incidencias dos municipios de Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove

O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo para toda a provincia incluirá: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.

Cada parque dispón de 20 vehículos e nestes traballan máis dun cento de bombeiros que atenden a calquera incidencia que poida xurdir as 24 horas do día e os 365 días do ano. Deste xeito, púxose fin a unha das grandes débedas históricas que tiña esta provincia, ó deixar de ser a única galega que non conta con este servizo, e que é o resultado do traballo iniciado en 2008 cando o goberno provincial e o autonómico asinaron o convenio para a posta en marcha do Consorcio Provincial de Bombeiros.

Cobertura para a Montaña

Logo de poñer en marcha a rede provincial de bombeiros cumprindo os prazos establecidos, Gómez Besteiro aproveitará o vindeiro Pleno do Consorcio para reclamar a participación e colaboración da Xunta para garantir a cobertura a aquelas zonas que quedaron descubertas, como é o caso da Montaña e da Ulloa. O Presidente xa lle fixera esta petición ó seu homólogo na administración autonómica o pasado mes de febreiro durante a visita realizada ás instalacións contra incendios de Vilalba. Neste senso, Gómez Besteiro está disposto a asumir o 50% do custe que isto supón se obtén a colaboración semellante por parte da Xunta, tal e como as dúas administracións fixeron para a creación do Consorcio.