Deputación de Lugo

A Deputación adquire os primeiros 51.000 m2 para situar a nova factoría de PACADAR en Monforte

Besteiro e 13 veciños asinaron as primeiras escrituras que seguirán formalizándose nos vindeiros días xa que hai acordo para a compra da totalidade das parcelas necesariasO organismo provincial venderá os terreos a PACADAR a 12 euros/m2, sen beneficio económico para a Deputación xa que o obxectivo é o asentamento de novas empresas Segundo o convenio, o vindeiro ano a institución urbanizará os terreos para que a entidade de prefabricados constrúa a súa 7º fábrica en Monforte e dé traballo directo a 100 lucenses

A Deputación comezou hoxe a adquirir os terreos necesarios para que PACADAR -firma líder en España no deseño, fabricación e montaxe de prefabricados de formigón- sitúe a súa nova factoría no polígono do Reboredo, en Monforte de Lemos. Este martes e ante notario, o Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, e 13 veciños da zona asinaron as primeiras escrituras que converten ó organismo provincial no propietario duns 51.000 m2 de dita área industrial. Son 5 parcelas, colindantes co polígono, que xa se atopan a plena disposición da Deputación logo de acordar un mesmo prezo de adquisición cos seus titulares. Besteiro salientou que “dixemos que a principios de maio comezaríamos a compra dos terreos, e hoxe adquirimos máis da metade do espazo acordado con PACADAR. Ó longo deste mes continuaremos coas escrituras xa que a nosa intención é rematar maio co 90% das parcelas necesarias adquiridas”. Para elo, o organismo provincial ten opcións de compra de máis de 20 terreos que superan os 100.000 m2 acordados coa entidade de prefabricados de formigón.

Rematada a adquisición dos terreos, o seguinte paso será converter o solo rústico en urbano. A axilidade deste trámite dependerá da Xunta e o Concello de Monforte, administracións que deben aportar as licenzas correspondentes. A continuación, o organismo provincial mediante SUPLUSA redactará o proxecto para iniciar a súa execución o vindeiro ano. Finalmente, tal como establece o convenio asinado entre Deputación e PACADAR, venderanse os terreos á entidade de prefabricados de formigón a 12 euros/m2. Trátase dun prezo competitivo, que representa a suma dos custes de adquisición e urbanización, facendo que o beneficio para a Deputación sexa cero. Neste senso, o Presidente avanzou que “en medio ano teremos todo listo”.

“Non ten volta atrás”

O titular provincial destacou que “hoxe é un día grande para Monforte, un día de gran satisfacción para a Deputación, e tamén para estes veciños que forman parte dun proxecto de gran futuro, que non ten volta atrás”. Deste xeito, cos traballos que está a levar a cabo a institución luguesa, en ano é medio, PACADAR poderá comezar coa construción da súa 7º factoría en España que terá 36.000 metros cadrados. Na actualidade, posúe 6 fábricas, as de maior lonxitude na industria española e cos parques de almacenamento máis extensos, que se atopan estratexicamente afincadas en Madrid, Barcelona, Valencia, Toledo e Sevilla. A súa posta en marcha suporá a contratación de 100 persoas, todas elas, segundo o marcado pola institución provincial, serán de Lugo, prevalecendo a zona Sur. A maiores, tamén se crearán novos postos de traballo indirectos tales como transportistas xa que a infraestrutura lucense atenderá as necesidades do mercado en Galicia, Asturias, no oeste de Castela e León, e no norte de Portugal.

Os datos reflicten que o acordo que a Deputación acadou con PACADAR supón a maior operación de xeración de emprego na zona de Lemos nos últimos 20 anos. Isto é posible grazas ás xestións levadas a cabo polo o organismo provincial e, fundamentalmente, polo prezo na venda dos terreos á entidade de prefabricados de formigón onde non hai beneficio algún para as arcas da institución.

PACADAR é unha firma decana no mundo da fabricación de pezas de formigón, que leva máis de 50 anos ó servizo de todos os sectores da construción. Dende a súa constitución en 1944, proxecta e prefabrica as pezas máis difíciles e complexas de formigón tanto para obra civil como para edificación no país. Foi pioneira en España na realización de vigas pretensadas, de taboleiros con vigas prefabricadas para a construción da Ponte de Anoeta, ou do edificio en altura con núcleos ríxidos. Ademais, tamén foi a primeira entidade en elaborar no país un programa de naves industriais prefabricadas, e outros de pasarelas peonís tamén con vigas prefabricadas.