Deputación de Lugo

Gómez Besteiro subliña que “hoxe comeza a 2ª fase do cambio e continúa a nova forma de entender a Deputación”

Imaxe deputación de lugo
O Presidente destaca que os obxectivos para o segundo mandato seguirán sendo os mesmos que os levados a cabo nestes catro primeiros anos: creación de emprego e aposta polo medio ambiente e o agro, e anuncia actuacións para esta mesma semanaO titular provincial garante que o bipartito é posible “e ó PP tocaralle estar na oposición, o que é un papel moi digno. Isto demostra que os partidos non rematan ata que se pita o final”Gómez Besteiro recoñeceu que a administración autonómica “non pode dar excusas en outros proxectos como as residencias da 3ª idade ou o Centro de Recría, que son importantes para Lugo e para Galicia. En definitiva, ábrese un periodo extraordinario para facer cousas en favor desta provincia”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este luns balance dos resultados electorais e asegurou que “hoxe é un día no que comeza a segunda fase do cambio, unha etapa nova na que os obxectivos seguen sendo os mesmos que os que tiñamos os días 22, 21 ou o 20 de maio, e que son a aposta polo emprego, polo medio ambiente e polo agro”. Neste senso, puxo como exemplo os proxectos das residencias “que comezan a eclosionar agora e que van orientadas a cubrir unha expectativa importante en relación coa terceira idade e co despoboamento poboacional. Non eran electorais, senón que se están a proxectar onde son necesarias. Nunca dixemos que íamos facer grandes complexos, senón que ían cumprir unha triple función: atender ás persoas maiores, xerar emprego e que sexam unha infraestrutura que permita que os Concellos non perdan poboación”.

A este respecto, Gómez Besteiro tamén se referiu á participación da Xunta na creación de prazas concertadas. “É o lóxico. É o sentido común. Ese esforzo que facemos dos orzamentos son fondos de todos os lucenses e esa é a senda que ten que seguir a Xunta”. Asimesmo, recoñeceu que a administración autonómica “non pode dar excusas noutros proxectos como o Centro de Recría que é importante para Lugo e para Galicia. En definitiva, ábrese un periodo extraordinario para facer cousas en favor desta provincia”.

O traballo continúa

Gómez Besteiro subliñou que a xestión da Deputación non se para senón que esta mesma semana continuarase traballando para levar máis investimentos ós Concellos da provincia. “Desprazarémonos á Mariña, á Terra Chá, á Fonsagrada. Remataremos a compra dos terreos de Pacadar. Todo isto non se detén polo periodo electoral nin porque dentro dun mes se constitúa a nova Corporación. Seguiremos buscando que as promesas se cumpran. Os electores xa dixeron o que querían e ós políticos tócanos traballar neste sentido”.

Con respecto a proxectos iniciados nos que cambiou o goberno como o de Castro de Rei e no que se contemplan actuacións concretas para o Hospital de San Rafael, o Presidente subliñou que “xa hai un proxecto viable, polo que hai que aplicar o sentido común. A Deputación segue disposta a ceder as instalacións con independencia dos resultados”.

“Este goberno vai existir e ó PP tocaralle estar na oposición”

Ante a pregunta sobre levar a cabo un goberno bipartito cando o Partido Popular obtivo uns resultados positivos, Gómez Besteiro concluíu: “o PP non ten maioría absoluta. Por tanto, non pode comportarse como se a tivera. Xa antes se comportaba como tal, pero os partidos non rematan ata que se pita o final. Este goberno vai existir e ó PP tocaralle estar na oposición, o que é un papel moi digno. Isto servirá para que todos reflexionemos”.