Deputación de Lugo

O Barco Muralla de Lugo visita este domingo As Nogais con motivo da VI Feira da Empanada

Imaxe deputación de lugo
Veciños e visitantes poderán visitar a embarcación na Praza do Concello da vila, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00A aula turística medioambiental estivo no que vai de ano en 12 municipios lucenses promocionando a Costa e a riqueza medioambiental da provincia, nos que recibiu preto de 8.600 visitas

O Barco Muralla de Lugo retoma o seu percorrido pola provincia co fin de promocionar a Costa e a riqueza medioambiental da provincia esta fin de semana cunha parada no Concello das Nogais. A embarcación estará o domingo na Praza do Concello da vila, con motivo da celebración da sexta edición da Feira da Empanada e Produtos dos Ancares. Os veciños e visitantes poderán entrar e coñecer a nave en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

A aula turística medioambiental botada pola Deputación de Lugo o ano pasado estivo no que vai deste 2011, a súa segunda tempada de funcionamento, en 12 concellos lucenses, nos que recibiu preto de 8.600 visitas. Foi construída por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. O seu interior conta con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que cederon na súa totalidade e de maneira gratuíta as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

Calendario das aulas móbiles

De xeito complementario ó Barco Muralla, a Deputación puxo en marcha outras tres aulas móbiles, que desenvolven actividades itinerantes de formación e divulgación relacionadas co medio ambiente por todos os concellos da provincia. Tanto a embarcación, como as aulas móbiles, forman parte do programa Lug02, financiado nun 70% por fondos europeos e co que o organismo provincial fixo unha forte aposta para demostrar que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia de Lugo.

Estas tres aulas móbiles continúan nestes últimos días de maio coa súa actividade. A dedicada á Terra Cha estará na capital lucense o día 30 e en Cospeito, o 31. O calendario da aula sobre a comarca da Montaña inclúe paradas en Navia de Suarna, este venres 27; no Páramo, o sábado 28; no Corgo, o 29; en Castroverde e Castro de Rei, o 30, e nos concellos de Baleira e Negueira de Muñiz, o 31. En canto á programación da aula da Mariña, para o 30 están previstas actividades en Ribadeo, e o 31, en Vilalba.