Deputación de Lugo

A Deputación asume o arranxo da Ponte da Pena en Ourol logo de máis de 3 anos abandonada polo Concello

A institución inviste 50.000 euros na construción desta infraestrutura que está derribada, bloqueando o principal acceso ás vivendas dos case 400 habitantes de Miñotos e Xeiriz Cobertura contraincendios, posta a punto do polígono industrial logrando que 5 empresas inicien a súa actividade, ou mellora de preto de 100 quilómetros de vías, centraron o esforzo inversor da Deputación en Ourol durante esta lexislaturaEn xuño, os veciños ourolenses non poderán realizar case 150 trámites coa administración mediante Internet porque o Concello rexeitou o Innova-TE malia ser totalmente gratuíto

A Deputación mellorará a Ponte da Pena situada no Concello de Ourol, achegando para elo 50.000 euros. Trátase dunha infraestrutura de titularidade municipal, que se atopa totalmente derribada dende hai máis de 3 anos. Esta situación bloquea o principal acceso ás vivendas de centos de habitantes, obrigando os veciños das localidades de Miñotos (170 habitantes) e Xerdiz (210 habitantes) a percorrer un treito moito máis longo para chegar ós seus fogares. Ante esta situación e a falta de resposta por parte do Concello, os cidadáns solicitaron á institución a construcción dunha nova Ponte. Tendo en conta a súa necesidade e a petición dos veciños, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que o organismo provincial asume a construción da nova infraestrutura.

Esta actuación engádese os traballos levados a cabo pola institución neste Concello durante este mandato, enmarcados na aposta pola máxima cooperación cos Concellos, e dotados con máis de 2 millóns de euros. Só no que se refire á mellora de vías provinciais, así como de municipais, aforrando deste xeito custes ás arcas locais, o organismo provincial achegou 1,3 millóns de euros. Esta cantidade investiuse no acondicionamento de preto de 100 quilómetros de vías e dos accesos ós núcleos rurais de Rexulfe, Vilacimas, de Carmen a Cerdeiras, Chao de Bravos, Piñeiro, Cargadoiro e ás igrexa de Xerdiz e de Miñoto.

Non é a primeira vez que os veciños solicitan a colaboración da Deputación para mellorar servizos municipais. Por iso, mediante plans como o de Comunidades Veciñais ou Pequenas Infraestruturas, a institución executou traballos por valor de máis de 72.000 euros. Son exemplo delo, o abastecemento de auga a Laboa, o acondicionamento das comunicacións a Lobamorta, a mellora de infraestruturas viarias en Lobeiras, ou a remodelación e restauración dos contornos de diferentes igrexas e cemiterios municipais.

Bombeiros e polígono

A Deputación fixo que os veciños de Ourol contasen con servizo contraincendios logo de décadas de abandono nas que a anterior corporación provincial se negou a crear parques de bombeiros. O actual equipo de Goberno creou e puxo en marcha o Consorcio Provincial de Bombeiros, facendo posible que os máis de 1.200 habitantes de Ourol conten con cobertura contraincendios.

O impulso á actividade empresarial e comercial centrou boa parte do esforzo inversor da Deputación en Ourol. O organismo provincial investiu 500.000 euros no remate dos traballos necesarios para que hoxe este Concello teña un polígono en óptimas condicións, no que 5 empresas xa reservaron unha parcela para iniciar a súa actividade.

O único servizo co que non contan os veciños de Ourol é coa Administración Electrónica. O Concello rexeitou sumarse ó Innova-TE malia ser un proxecto tecnolóxico totalmente gratuíto. E é que a Deputación asume os custes da implantación da e-administración na provincia, aforrando 300.000 euros a cada municipio. Ante a negativa do Concello, os veciños de Ourol non poderán en xuño, cando o organismo provincial remate o desenvolvemento desta iniciativa, realizar dende Internet preto de 150 trámites coas administración. Deste xeito, terán que seguir gastando cartos e tempo desprazándose ó Concello ou ó Pazo de San Marcos.