Deputación de Lugo

O CENTRAD imparte unha das técnicas de vidro máis empregadas polos artesáns de Exipto

Trátase da modalidade “pasta de vidro” na que están a participar oito persoas e que consiste no fundimento de pezas nun molde, do que se saca a forma desexadaA artesá catalana Anna Marco é a encargada de impartir a formación ós participantes. É Licenciada en Belas Artes e foi finalista do Premio Nacional de Artesanía en 2007Ademais do curso de cestaría de reciclaxe iniciado hoxe, ó longo deste mes comezarán as últimas 5 accións formativas da programación de primavera do CENTRAD

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, continúa a desenvolver a programación de primavera. Precisamente, hoxe deron comezo dúas novas accións formativas, nas que os asistentes aprenderán as técnicas de escultura de vidro e de cestaría de reciclaxe. No primeiro caso, os oito participantes coñecerán dúas modalidades típicas de modulación deste tipo de material: “pasta de vidro” e “termoformado”. Na primeira, os asistentes fundirán pequenas pezas deste material nun molde, do que sacarán a forma da escultura. Esta é unha das técnicas máis empregadas dende épocas moi antigas polos artesáns de Exipto e Siria para collares e brazaletes. A segunda modalidade inclúe o uso dunha plancha de vidro á que se lle dá forma a través dun molde determinado.

O curso desenvolverase ata o 10 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, nos pavillóns do Centro de Artesanía e Deseño. A artesá catalana Anna Marco é a encargada de impartir a formación ós alumnos participantes. Esta Licenciada en Belas Artes xa impartiu varios cursos no CENTRAD e participou en exposicións impulsadas polo organismo provincial como AVANTCRAFT. A súa ampla traxectoria como profesional do vidro permitiulle ser unha das finalistas do Premio Nacional de Artesanía en 2007.

Cestaría de reciclaxe

Asimesmo, o Centro de Cestaría do río Rato acolle dende hoxe ata o venres o curso de cestaría de reciclaxe, incluído na programación do CENTRAD. Neste caso, os alumnos elaborarán distintas pezas baseadas en técnicas de cestaría tradicional, nas que empregarán materiais de refugallo, tales como fíos de plástico, cables de cobre ou tapóns de botellas. O obradoiro é impartido pola artesá Dolores Tourón e desenvólvese pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas.

Os cursos da presente tempada arrancaron o 17 de xaneiro. Deste xeito, ó longo deste mes tamén continúa o de diferentes técnicas de refuxado en coiro e comezarán as últimas cinco accións formativas da programación de primavera:

Cestaría dos Ancares, os días 11 e 12 de xuño.
Cestaría tradicional galega de vimbio (piteira): dende o 13 ó 17.
Cabazas de Noia: os días 18 e 19 deste mes.
Feltro e outros obxectos de téxtil: dende o 20 ó 24 de xuño
Iniciación tecido en baixo lizo: a partir do 20 deste mes

Programa de becas

Por outra banda, estanse ultimando os trámites para que os 4 beneficiarios do primeiro Programa de Bolsas de Estudos para o Desenvolvemento da Artesanía e o Deseño da provincia, convocadas polo CENTRAD, poidan empezar a traballar. De feito, 3 deles, que desenvolverán tarefas de catalogación e investigación da artesanía, formación en deseño xaponés e en afinadores de gaita, xa comezaron. O cuarto artesán farao nas vindeiras semanas.

As bolsas están dotadas con 12.000 euros cada unha e teñen unha duración dun ano. A iniciativa, cuxo orzamento total ascende a 60.000 euros, busca dar apoio para conservar e potenciar o deseño e a artesanía, un sector económico moitas veces esquecido polas administracións e cun potencial importante para a xeración de emprego e riqueza en Lugo. As axudas están destinadas á investigación e catalogación da artesanía da provincia; investigación tecnolóxicas para a mellora de métodos de traballo nun obradoiro, dende a creación do produto ata a súa venda; e formación de perfeccionamento non regrada e de carácter práctico e deseño de produtos ou complementos de moda con obradoiros artesáns.