Deputación de Lugo

Besteiro avanza que o BOP publica hoxe a licitación das obras da residencia da Fonsagrada

A Deputación enviou unha copia do Boletín ó Alcalde e outra o titular do PP lucense “quen dicía que non iamos a ser capaces de licitar estes traballos. Perdeu un reto que non gañou a Deputación senón todos os veciños deste Concello da Montaña” A Xunta de Goberno aprobou a licitación do proxecto da residencia de Becerreá, que terá unha superficie de máis de 4.000 m2 e 130 prazas nos centros de día e longa estanciaO Presidente anunciou que onte se adxudicaron das obras de construción dos centros da 3º idade Castroverde, Trabada e Pol por valor de 3,5 millóns de euros

O Presidente da Deputacion, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves que o Boletín Oficial da Provincia –BOP- publica hoxe a licitación das obras da residencia da Fonsagrada. O organismo provincial inicia deste xeito, o proceso de contratación destas actuacións, dotadas de 2,1 millóns de euros, e financiadas na súa totalidade pola institución lucense. Gómez Besteiro subliñou que “enviamos unha copia do BOP ó Alcalde da Fonsagrada como mostra do cumprimento da palabra dada, e outra ó titular do Partido Popular quen dicía que non iamos a ser capaces de licitar estes traballos. Isto demostra que perdeu un reto que non gañou a Deputación senón todos os veciños deste Concello da Montaña onde máis do 40% son maiores de 65 anos”.

Todas as empresas interesadas poden xa consultar os prazos e requisitos para presentar as súas ofertas. Terán 15 días para entregar a documentación requirida no Rexistro Xeral de SUPLUSA. Unha vez que transcorran ditos prazos legais, nun mes, a Deputación comezará a executar as obras. A residencia situarase no edificio da Fundación Rois de la Peña, de 1.673 metros cadrados, e disporá de 24 prazas de residencia e 30 de centro de día.

Coa construción do centro para maiores fonsagradino, a Deputación pon fin a outra débeda histórica que tiña este municipio, ó tempo que dota ós veciños dun servizo do que carecían debido a que a Xunta de Galicia nunca cumpriu o compromiso de executar esta infraestrutura, malia a prometerse a elo hai dous anos. A última vez que a administración autonómica fixo pública a súa vontade de acometer esta actuación foi no ano 2009, durante a visita realizada a este municipio pola Directora Xeral, Susana López Abella.

Aprobada a licitación do proxecto de Becerreá

Gómez Besteiro adiantou que a Xunta de Goberno Extraordinaria de hoxe tamén aprobou a licitación do proxecto do centro para a 3º idade de Becerreá por valor de 102.000 euros. O organismo provincial tamén asume a redacción deste documento ante a falta de compromiso do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen pouco antes dos comicios electorais de 2009 afirmou que executaría esta infraestrutura.
Concluído o proceso de redacción do proxecto, a Deputación porá a disposición do Executivo galego -administración con competencias na materia- o documento para que esta cumpra coa palabra dada ós veciños e execute a obra. Dito centro, que terá unha superficie construída de máis de 4.000 metros cadrados, situarase nos terreos da antiga casa-escola, moi preto da rúa Ancares, aínda que o Concello está disposto a cambiar o emprazamento se a administración autonómica o solicitase co obxectivo de que a infraestrutura sexa unha realidade canto antes.

A residencia incluirá un centro de día con capacidade para 30 prazas e outro de estadía permananente para 100 residentes, que acollerá 20 habitacións individuais e 40 dobres, de tal xeito que estará perfectamente equipada para prestar unha atención de calidade ós futuros usuarios. Neste senso, incluirá a prestación de servizos de atención diurna, de manutención e cociña, atención sociosantiaria, residencia, de administración, mantemento, almacén, etc.

Adxudicadas outras 3 residencias

O Presidente avanzou que onte se adxudicaron as obras de construción dos centros para maiores de Pol, Trabada e Castroverde por valor de 3,5 millóns de euros. A maiores, o pasado sábado, a institución iniciou a contratación das de Meira, Guitiriz, Pedrafita e Ribas de Sil. O organismo provincial ultima os proxectos das residencias do Saviñao e Navia de Suarna. No caso do Concello da Pobra de Brollón, a Deputación xa aprobou o convenio do centro para maiores e, no de Riotorto, está pendente de que a entidade local adquira o espazo necesario.

En total, xunto coa subvención de 120.000 euros para rematar as obras da residencia de Monterroso, a Deputación inviste máis de 15,5 millóns de euros na construción de 13 centros para maiores na provincia.