Deputación de Lugo

O Pleno acorda reducir o custe dos asesores da Deputación nun 20% con respecto ó anterior mandato

No equipo de goberno a asignación para o persoal eventual de confianza diminuirá en 168.071 euros ó ano, baixando dos 840.357 en 2007 ós 672.286 euros en 2011. Na oposición non se reducen os asesores e aumenta en 1.500 euros o presuposto para o funcionamento do grupo políticoO presuposto para o funcionamento do goberno provincial aplica unha redución aínda máis notable, chegando ó 25%. As 9,5 dedicacións exclusivas de 2007 redúcense a 7,5; o que supón un aforro de 128.161euros anuaisOs soldos do Presidente e do equipo de goberno seguirán conxelados, unha decisión que manteñen dende 2010 e que se produciu antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución de Déficit Público

O primeiro Pleno da nova Corporación provincial, no que estiveron representados os tres partidos políticos con presenza na Deputación -PSOE, BNG e PP-, acordou este xoves por unanimidade a organización do equipo de goberno e oposición para os próximos catro anos con reducións notables. A asignación para o persoal eventual de confianza do equipo de goberno diminuirá nun 20% con respecto ó anterior mandato, baixando dos 840.357 euros en 2007 ós 672.286 en 2011. Pola contra, na oposición non se reducen os asesores e aumenta en 1.500 euros o presuposto para o seu grupo político.

O orzamento para o funcionamento do goberno provincial aplica unha redución aínda máis notable, chegando ó 25%. As 9,5 dedicacións exclusivas de 2007 redúcense a 7,5; o que supón un aforro de 128.161 euros anuais. Deste xeito, José Ramón Gómez Besteiro, cumpre o compromiso asumido na súa toma de posesión como Presidente da Deputación, na que anunciou publicamente a redución do gasto neste eido, tal e como esixe o contexto económico actual.

Retribucións do equipo de goberno

Este acordo prodúcese logo de que o equipo de goberno pechase o pacto político, así como a composición das áreas que distribuirán o traballo neste mandato. As retribucións dos dous grupos que compoñen o goberno da Deputación, incluída a do Presidente, permanecerán conxeladas, unha decisión que manteñen dende 2010 e que se produciu antes da entrada en vigor do Real Decreto Lei 8/2010 de Redución de Déficit Público de 20 de maio.

As súas retribucións salariais en comparación coas do inicio do mandato anterior quedan do seguinte xeito:

O Presidente que, en 2007 tiña un soldo de 68.000 euros -equivalente ó dun Conselleiro-, baixará a 63.502 euros en 2011.
Os Vicepresidentes, que tiñan asignado un soldo de 60.000 euros hai catro anos, baixarán a 57.518 euros.
Os 5 delegados de área pasarán de 52.000 euros en 2007 a 50.391 euros en 2011.
Só haberá unha dedicación parcial. Neste caso, o soldo baixa dos 26.000 euros a 25.737 euros.

Polo que se refire ás dedicacións exclusivas dos grupos políticos, o custe total en 2007 era de 260.000 euros. Cada membro percibirá 50.391 euros fronte ós 52.000 que tiñan asignados hai catro anos. A distribución é esta: o BNG 1 dedicación, o PSOE 2 e o PP 3 –que voltará a distribuír en 5 soldos- .

A asignación económica para o funcionamento dos Grupos Políticos da Corporación tamén se mantén conxelada con respecto a 2007: un compoñente fixo de 4.000 euros mes e un variable a razón de 1.500 euros/mes por cada membro do Grupo Político. A única diferenza neste mandato é que o Partido Popular percibirán 1.500 máis en cada mensualidade.

Celebración Plenos e Xuntas de Goberno

O Pleno tamén fixou as datas de celebración das Xuntas de Goberno e dos Plenos. No primeiro caso, estas seguirán tendo lugar todos os venres, ás 11:30 horas. Estará formada polo Presidente; os Vicepresidentes Primeiro -Antonio Veiga- e Segundo -Lara Méndez-; e polos Delegados de cada área: Juan José Díaz Valiño, Pilar García Porto –estes dous estréanse nesta faceta-, Miguel Ángel Sotuela, Manuel Martínez, Regina Polín e Mario Outeiro. Os Plenos continuarán o martes último de mes, pero modifícase a hora de celebración con respecto ó anterior mandato, pasando a sesión ás 11:00 horas. Así mesmo, tamén se acordou que as Comisións Informativas correspondentes a cada área de xestión estarán integradas, ademais de polo Presidente, por sete membros da Corporación, dos que tres serán do Grupo Popular, tres do Grupo Socialista e un do Bloque Nacionalista Galego. Tales vogais serán designados polos tres partidos políticos no prazo de cinco días logo da aprobación deste acordo.

Outras medidas de aforro

A redución no custe do goberno e dos asesores dos grupos políticos súmase a outras actuacións levadas a cabo pola Deputación nestes últimos catros anos. Un claro exemplo produciuse no Presuposto de 2011, no que se reduciu o capítulo de gasto corrente en 3 millóns de euros. Así mesmo, conseguiuse rebaixar a débeda pública en 10 millóns de euros, o que permitiu rematar o primeiro mandato cunhas contas saneadas a pesar de que a situación económica actual esixiu esforzos económicos sen precedentes.

Reduciuse nun 65% a contratación externa do Parque Móbil, aforrando máis de 1,1 millóns de euros. Pasouse de 56 vehículos alugados a 19 logo de rescindir o contrato asinado pola anterior corporación provincial en setembro de 2006. Liquidouse a Fundación TOR e acabouse co despilfarro na Fundación TIC. Así mesmo, coa administración electrónica tamén se aforrou tempo e cartos tanto ós veciños como ós Concellos e co novo contrato de Telefonía e de liñas ADSL acadouse o gasto corrente que orixina este servizo diminuíu nun 40% .

Por outra banda, a estas medidas hai que engadir a redución que supuxo a redacción dos proxectos, dirección de obra e coordinación dos plans de seguridade e saúde. Ata hai catro anos o 75% dos proxectos encargábanse a empresas externas o que lle supoñía á Deputación un dobre esforzo inversor: o custe da redacción do proxecto e a execución da obra. Dende que chegou o actual equipo de goberno os técnicos provinciais realizan o 100% dos proxectos de obras, de tal xeito que este novo sistema permitiulle aforrar nestes catros anos preto de 4 millóns de euros (3.876.823 euros) coa redaccón de 244 proxectos de obra.