Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia que a Deputación executou o 100% das obras do canon de Fonsagrada

O Presidente e o Alcalde en funcións asinan o convenio para a adquisición dun equipo de rego incluído dentro desta iniciativa coa que se melloraron os accesos a 16 núcleos ruraisCo canon, a Deputación mantivo máis de 40 empregos neste municipio ó tempo que aumentou o investimento en obra pública, aliviando ó Concello do custe que suporía a execución destas actuacións O titular provincial adianta que un total de 15 empresas optan á construción da residencia da terceira idade e centro de día, que será adxudicada ó longo deste mes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, ambos os dous en funcións, asinaron este martes o convenio de colaboración para a adquisición dun equipo de rego de estradas, a través do cal o organismo provincial subvenciona os gastos de subministración deste material con 18.220 euros que se suman ós 75.000 que a Deputación xa achegou dentro do canon. Asimesmo, os dous mandatarios tamén supervisaron as obras levadas a cabo nas localidades de Xestoso, Lindín e Candaído, e que consistiron na mellora dos accesos a estes tres núcleos rurais con aglomerado en quente. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “non só puxemos fin a unha débeda histórica senón que co canon dotamos de servizos básicos ós municipios que, coma Fonsagrada, se ven afectados polos encoros. Ademais, con cada obra que fixemos contribuímos a reducir o paro neste Concello. En total, coas actuacións realizadas demos traballo a máis de 40 persoas”.

Este é un dos investimentos que a Deputación acometeu neste municipio, que se inclúe dentro da zona norte xunto co de Negueira de Muñiz, e que segundo o reparto lles corresponderon 932.141 euros. Na actualidade, o organismo provincial rematou o 100% de todas as obras incluídas no Plan deste municipio. Ademais das citadas anteriormente, acondicionou os accesos outros 13 núcleos de poboación: Puebla de Burón, Mazaeda, Carracedo, Vilardíaz, Ventorrillo, Lamas de Moreira, Coto, Sudrós, Foncuberta, Pereida, Cadaído, Cabanas, Torviso. Asimesmo, tamén mellorou as tomas de terra para postes de reemisores de TDT de titularidade municipal.

Co canon, ademais de contribuír a reducir o desemprego na provincia, a Deputación tamén aumenta o investimento en obra pública, aliviando ós Concellos do custe que suporía a execución das actuacións que o Presidente consensuou con cada un dos Alcaldes afectados. Neste caso, ademais do desembolso económico e da contratación das obras, os técnicos do organismo provincial realizan os proxectos, asumen a dirección de obra e a coordinación dos plans de seguridade de saúde e traballo, evitando que os municipios e a propia institución teñan que facerse cargo deste gasto que, no caso de Fonsagrada, ascendeu a 35.600 euros.

Polo que respecta á Negueira de Muñiz, dentro do canon a Deputación destinou 25.000 euros á adquisición dunha cuña quitaneves e 332.885 á rexeneración de pavimentos no acceso á Porteliña, Cereixido e Ramal e ó acondicionamento para vivendas comunitarias, contribuíndo a manter unha decena de empregos. Estas dúas últimas obras están en execución. En total, o organismo provincial finalizou ou está a piques de facelo preto de 120 obras por valor 7,4 millóns de euros dos 11 millóns que inviste nos 16 municipios afectados polo canon hidroeléctrico.

15 empresas para a residencia Fonsagrada

A Deputación tamén continúa cos trámites de construción da residencia da terceira idade e centro de día da Fonsagrada. Neste senso, o Presidente en funcións adiantou que un total de 15 empresas presentaron as súas ofertas, de tal xeito que a finais desta semana celebrarase a mesa de contratación na que se abrirá a documentación administrativa presentada polas distintas entidades co obxectivo de que ó longo deste mes queden adxudicadas as obras. O centro sanitario situarase no edificio da Fundación Rois de la Peña, de 1.673 metros cadrados, e disporá de 24 prazas de residencia e 30 de centro de día. O Concello cederá estas instalacións á Deputación unha vez que se constitúa a nova Corporación municipal e que o Argelio Fernández revalide o seu título como Alcalde por segunda lexislatura consecutiva.

Coa construción do centro para maiores, o organismo provincial pon fin a outra débeda histórica que tiña este municipio, debido a que a Xunta de Galicia nunca cumpriu o compromiso de executar este infraestrutura, malia ser anunciado en varias ocasións por distintos responsables do goberno autonómico.

Polo que respecta ó resto de residencias, adxudicáronse as obras de construción dos centros de Pol, Trabada e Castroverde e iniciouse a contratación das de Meira, Guitiriz, Pedrafita e Ribas de Sil. Asimesmo, o organismo provincial continúa a desenvolver os proxectos das de Becerreá, Navia de Suarna e Saviñao. No caso da de Pobra de Brollón está aprobado o convenio de construción e, da de Riotorto, a Deputación está pendente de que a entidade local adquira os terreos nos que está prevista a súa instalación.

Outros investimentos en Fonsagrada

Gómez Besteiro subliñou que os investimentos do canon e da residencia da terceira idade súmanse a outros executados polo organismo provincial neste municipio durante o primeiro mandato e que superan os 8 millóns de euros. Neste senso, lembrou que a Deputación favorece a creación de novas empresas na Fonsagrada e axuda a manter os postos de traballo existentes coa construción do polígono no que investirá 2,5 millóns de euros unha vez que a Xunta complete os trámites solicitados polo Concello. Asimesmo, apoiou ó TECOR da Fonsagrada coa creación da primeira sala de despece de caza pública de España e acondicionou os 133 quilómetros de estradas provinciais que hai neste municipio. Por outra banda, tamén destinou 1 millón de euros á reforma do polideportivo municipal e á construción da nova Casa Consistorial para que poida ofrecer servizos de calidade ós veciños, xa que é unha das máis antigas da provincia e que está en peores condicións.

Grazas ó programa Innova-TE da Deputación e a pesar de que esta é unha competencia da administración autonómica, ós veciños tamén poden facer trámites administrativos por internet dende a súa casa. O organismo provincial tamén impulsou e puxo en valor a riqueza medioambiental da provincia con programas como Km0 ou Lug02. A través deste último, o organismo provincial construíu unha das tres Aulas de Interpretación da Natureza que hai na provincia e que, no caso de Fonsagrada, se sitúa na localidade de Paradanova.