Deputación de Lugo

A TIC presenta o documental sobre as escolas unitarias de Guitiriz e Xermade no que participaron 40 persoas

Un equipo de profesionais e bolseiros, que remataron os seus estudos na EIS, grabaron o proxecto “A Escola dos Avós”, que amosa a infancia no rural e a ensinanza educativa de principios do século XXRegina Polín deu a coñecer o traballo audiovisual, impulsado pola UNED Senior, nun acto de confraternidade que contou con máis dun cento de asistentes

A Padroa da Fundación TIC e Deputada da Área de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada do coordinador do proxecto, Luis Rodríguez Patino, presentaron este mércores o documental “A Escola dos Avós”, unha iniciativa da UNED Senior coa que quere poñer en valor as antigas escolas unitarias de Guitiriz e Xermade e se dá a coñecer o traballo que desenvolveron durante a primeira metade do século XX. A Deputada subliñou que “a Deputación e a Fundación TIC quixemos colaborar con este proxecto por dous motivos fundamentais. Por un lado, porque damos a coñecer estes centros de estudos que foron vitais hai décadas e que hoxe están practicamente desaparecidos, e por outro, polo firme compromiso que temos coa UNED. Precisamente, durante os próximos catro anos seguiremos traballando para consolidala no Miño, converténdoa nun referente en todo o noroeste peninsular. Agora os lucenses xa non teñen que marchar a outras cidades como Coruña para cursar os seus estudos”.

“A Escola dos Avós” amosa a infancia no rural e nas escolas unitarias daquela época a través dos testemuños dunha decena de persoas maiores das parroquias de Momán, en Xermade, e de Labrada e Cece, en Guitiriz. O documental, no que participaron unhas corenta persoas e que recolle a súa historia e a creación, foi gravado na Escola Habaneira da localidade xermadina e na escola parroquial de Labrada, situada no municipio guitiricense, ambientadas con parte do mobiliario, dos libros e material do que dispuñan naqueles tempos. Entre os obxectos recuperados, a meirande parte aportados polos antigos alumnos, inclúense fotografías da época.

Ó acto acudiron preto dun cento de persoas. Na realización tamén colaboraron os Consellos de Maiores da Terra Chá; a directora da UNED de A Coruña, Susana Blanco e os veciños que participaron no vídeo lembrando as súas vivencias.

Apoio ás entidades locais e inserción laboral
Na realización do documental participou un equipo de profesionais e bolseiros da Fundación TIC, que están a completar a súa formación tras rematar os seus estudos na
Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro que imparte ciclos profesionais da familia audiovisual na provincia. Precisamente o día 22 remata o prazo para que os interesados formalicen a matrícula, en total máis de 50 persoas. As persoas que queden en lista de espera terán una nova oportunidade de acadar unha praza en setembro, data na que se voltará a abrir o prazo de inscrición tendo en conta as posibles baixas que se produzan.

Dende 2009, o EIS cubre o 100% das súas prazas. Este éxito de convocatoria débese por una lado, ás facilidades económicas de acceso, así como á recoñecida calidade formativa que acadan os estudantes. E é que en dita data, o actual equipo de Goberno provincial, facendo un esforzo inversor e apostando pola educación gratuíta, estableceu que a matrícula da escola supoñerá un custe cero para os alumnos. A maiores, marcou como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, logrando que os estudantes acadasen unha preparación vencellada directamente ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Como exemplo da calidade formativa, este ano un estudante do EIS logrou o único premio Extraordinario de Imaxe e Son que se concede en Galicia, optando agora ós mesmos galardóns a nivel nacional.

A colaboración coa UNED Senior enmárcase na liña de cooperación e apoio que desde a Deputación de Lugo se está a dar ós concellos e asociacións da provincia a través da firma de convenios coa Fundación TIC para a realización de proxectos audiovisuais que difundan o seu labor. Neste senso, cabe lembrar que o número de acordos aumentou nun 300%, acadando na actualidade a cifra de 48 documentos subscritos. Ademais a TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais do sector audiovisual, nas que os alumnos da EIS poden realizar as súas prácticas.