Deputación de Lugo

A Deputación comezará a desbrozar en dúas semanas as estradas dos 11 Concellos nos que xestiona este servizo

O organismo provincial adxudicou recentemente a roza dos 759 quilómetros de vías da súa titularidade nestes municipios, investindo máis de 106.000 eurosOs 56 restantes xestionan directamente este servizo grazas o novo sistema que instaurou o actual equipo de goberno en 2008 e que está a dar moi bo resultado, xa que dende esa data case se triplicou o número de municipios adheridosA Xunta de Goberno aproba novas obras nos Concellos de Foz, Monforte, a Pontenova e Samos por valor de 622.415 euros

O voceiro provincial socialista en funcións, Antonio Gato Soengas, anunciou este venres que a Deputación vén de adxudicar o desbroce naqueles Concellos que non subscribiron o convenio, de tal xeito que no prazo de dúas semanas o organismo provincial comezará cos traballos nas estradas provinciais dos 11 municipios que se atopan neste caso. O investimento que realiza a Deputación na roza dos 759 quilómetros de vías que son de titularidade provincial nestes municipios é de 106.275 euros. Son os seguintes: Cervo, Muras, As Nogas, Ribeira de Piquín, Friol, Baleira, O Corgo, Carballedo, Lugo, Incio e Taboada.

Os outros 56 Concellos xestionan eles mesmos este servizo grazas ó convenio que asinaron coa Deputación. Este foi un sistema que instaurou este equipo de goberno, que está a dar moi bo resultado: en 2008 foron 21 os municipios que subscribiron o acordo; en 2009 pasouse a 47; é dicir máis do dobre, en 2010 adheríronse 57 e, este ano, 56, que suman máis de 3.440 quilómetros. Para a realización destes traballos, a Deputación transfírelles a estas entidades locais preto de 610.000 euros.

Tal e como apuntou o voceiro provincial socialista en funcións, isto pon de relevo a relación fructífera que mantivo o organismo provincial nestes primeiros catro anos cos Concellos, demostrando que foi útil alí onde o demandaron os veciños e veciñas da provincia. Deste xeito, esta iniciativa súmase a outras que puxo en marcha o actual equipo de goberno, como pode ser o sistema provincial de recadación, a través do cal se adiantaron preto de 21 millóns de euros ós 53 Concellos que asinaron o convenio e co que o organismo provincial lles aforrou, coa rebaixa do 6 ó 3%, un total de 2 millóns de euros neste primeiro mandato.

Acordos Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno adxudicou tres novas obras noutros tantos Concellos da provincia por valor de 369.415 euros, que comezarán no prazo de 15 días. Son as seguintes: mellora da rede pluvial da Avenida da Mariña, no treito de Xoan Montes coa Avenida de Cervantes, en Foz (159.716 euros); remate da instalación de electricidade, aire acondicionado e pavimento na biblioteca e pintura exterior das edificacións do Pazo de Tor, situado en Monforte de Lemos (139.346 euros); e mellora da rede de saneamento e pavimentación en Sanxés, na Pontenova (70.353 euros).

Asimesmo, aprobouse a addenda ó convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Samos, a través da cal o organismo provincial achega 253.000 euros para as seguintes actuacións:

Adquisición de 2 tanques de auga para diferentes localidades do municipio
Arranxos en diferentes estradas e camiños
Traída de auga en Lamartín
Arranxo de prazas en distintos lugares
Arranxo de escolas
Construción de muros