Deputación de Lugo

A Deputación rematará a finais deste mes a estrada de Alto Valiño a Valdeporrás, en Portomarín

Trátase dunha obra moi agardada polos veciños, que o organismo provincial executa con fondos propios logo de que o anterior equipo de goberno non fose quen de levala a cabo, deixando perder os fondos europeos concedidosEsta actuación súmase a outras acometidas recentemente en Portomarín, que teñen un investimento de preto de 900.000 euros e nas que traballaron ó redor de 60 persoas

A Deputación rematará a finais de xullo as obras de mellora que está a levar a cabo na CP 4902 de Alto Valiño a Valdeporrás, en Portomarín. Os traballos, que se enmarcan dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública e que contan cun investimento de 600.000 euros, avanzan a bo ritmo. A empresa encargada da súa execución finalizou onte a aplicación do aglomerado en quente no treito comprendido entre o punto quilométrico 0,000 ó 4,200, polo que tan só queda por acometer a sinalización horizontal e vertical e o pintado da calzada.

Trátase dunha obra moi agardada polos veciños deste municipio, xa que a Deputación do Partido Popular adxudicouna pero non foi quen de levala a cabo, deixando perder os fondos europeos concedidos para a súa execución. O actual equipo de goberno desbloqueou a situación na que se atopaba o proxecto, executándoo con fondos propios. Ademais das citadas anteriormente, incluíu as seguintes actuacións: ensanche da plataforma, pasando dos 4 metros ós 8 metros; mellora do trazado e eliminación de curvas perigosas; colocación de ollos de gato; e construción dunha nova ponte sobre o Piunca de 10 metros de ancho, dotada de beirarrúas de 1 metro, e barreiras de seguridade.

Deste xeito, a Deputación cumpre o obxectivo marcado con dito Plan: adiantar a saída da crise na provincia, incrementando o esforzo inversor en obra pública e mantendo os postos de emprego existentes na provincia. Só con esta obra, deuse traballo a un total de 11 enxeñeiros e operarios.

Máis obras e máis emprego
Esta actuación súmase a outras levadas a cabo polo organismo provincial neste municipio. É o caso da rúa Benigno Quiroga, na que se mellorou o abastecemento de augas, así como o saneamento, o sistema de telecomunicacións e o alumeado público, ou da pavimentación e dotación de servizos na travesía de Lugo.

A maiores, para dar resposta ás necesidades do Concello, estanse a mellorar os accesos a Moreiras e Seixón-Sabadelle. Neste último caso, tamén se reparou a ponte que se viu afectada polas riadas de principios de anos. Para a execución de todas estas actuacións, achegáronse 211.643 euros con cargo ó Plan do canon, unha iniciativa coa que a Deputación saldou unha das débedas históricas que tiña esta provincia e coa que tamén se creou emprego nos municipios que contan con produción hidroeléctrica. Só con estas obras mantivéronse 20 empregos. Co Lugo-Emprega, a Deputación contratou a 7 persoas en Portomarín que estaban en paro para levar a cabo tarefas de mantemento e conservación de servizos municipais.

Outras das actuacións rematadas recentemente en Portomarín foi a rehabilitación da Praza Condes de Fenosa e a construción dun novo parque infantil na avenida de Sarria. A Deputación asinou un convenio co Concello mediante o cal aportou 45.000 euros para estas dúas iniciativas. Este investimento serviu para contratar a 20 persoas que, durante 3 meses, se fixeron cargos destes traballos.