Deputación de Lugo

A Casa do Emigrante resolveu 800 novos casos e atende máis de 200 consultas ó mes de lucenses residentes no exterior

A Deputación e o Concello de Viveiro puxeron en marcha esta iniciativa en 2009 e en tan só dous anos converteuse nun punto de referencia en materia de inmigración e emigración de toda a provincia e doutras partes de Galicia como o norte da CoruñaAsesoramento xurídico-administrativo, apoio e reforzo educativo e intervención familiar, centran os servizos que presta a oficina cada día Malia o éxito da iniciativa, a Xunta reduciu un 73% a subvención destinada ós proxectos para os que este organismo solicitou o financiamento do goberno autonómico, pasando de conceder 40.000 euros en 2010 a tan só 10.800 euros este ano Segundo datos do INE, dos 350.564 galegos residentes no exterior, case 47.000 son lugueses e o 73% residen en Iberoamérica

A Casa do Emigrante, creada pola Deputación e o Concello de Viveiro en 2009, leva máis de dous anos prestando o seu apoio a todos os inmigrantes e ós emigrantes galegos no exterior. Dende que comezou a súa andaina son máis de 800 os novos casos que se rexistraron e poden chegar a atender ata máis de 200 consultas mensuais, polo que a día de hoxe é un punto de referencia en materia de inmigración e emigración en toda a provincia de Lugo e incluso no resto de Galicia. Tal é así que, as dúas educadoras sociais xunto coa licenciada en dereito que se adican día a día a solucionar os problemas e impedimentos cos que se atopa o colectivo emigrante e inmigrante provincia, non só cubren as necesidades da Mariña e do resto da provincia, senón que tamén atenden peticións do norte da provincia de A Coruña, sobre todo de persoas vinculadas ós municipios máis próximos á Costa luguesa como pode ser o de Ortigueira.
O organismo provincial puxo en marcha esta oficina en Viveiro logo da viaxe realizada a polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde do municipio, Melchor Roel, a Sudamérica, saldando así unha das débedas históricas que tiña a Deputación coa comunidade de galegos residentes no exterior, e da necesidade real que existe á hora de ofrecer e manter en funcionamento un servizo deste tipo, pois segundo cifras facilitadas pola Casa do Emigrante o 7% da poboación desta localidade mariñana é inmigrante, e en Lugo 3 de cada 100 lucenses son extranxeiros. Asimesmo, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, dos 350.564 galegos residentes no exterior, case 47.000 son lugueses e o 73% residen en Iberoamérica.

Atención personalizada e de calidade
Son moitas as áreas nas que se presta a atención dende a Casa do Emigrante, pero o fundamental do traballo diario céntrase en tres eixos, a atención xurídico-administrativa, o apoio e reforzo educativo e a intervención familiar. Dentro da parte administrativa, o persoal ademais de ofrecer información e asesoramento para cada caso particular, traballa coordinadamente con diferentes administracións e organismos como son a Policía Nacional e Local, a Oficina de Extranxeiros da Subdelegacion do Goberno en Lugo ou os servizos sociais doutros concellos.

Por outra banda, os programas de apoio e reforzo educativo, centran o segundo obxectivo da oficina, e abarcan puntos esenciais para facilitar a comprensión e o acceso ó noso sistema educativo, así como a sensibilización da comunidade para mellorar a convivencia intercultural, favorecendo a confianza e respeto entre as persoas. Ofertan programas de acollida educativa, informan sobre axudas e recursos no ámbito escolar e levan adiante proxectos de educación intercultural.
O terceiro dos puntos clave do traballo do organismo dependente da Deputación engloba todo o que ten que ver coa a área de intervención familiar, co obxetivo de mellorar o funcionamento da unidade familiar tratando de solucionar os problemas da súa vida cotiá. Deste xeito, chegan a traballar con 7 ou 8 familias ó mesmo tempo.
A parte destas actuacións concretas, o constante incremento de inmigrantes na zona conleva un maior esforzo nestes temas, e aumenta as áreas de traballo en función das necesidades deste colectivo. Por tanto, o departamento tamén se preocupa de temas como o emprego, un factor esencial para a integración do colectivo inmigrante na nosa sociedade; a muller, cunha atención especializada en caso de violencia de xénero ou a vivenda; ou os programas de mediación veciñal e convivencia intercultural para lograr unha boa acollida e integración destas persoas.
Ademáis, o seu labor cos emigrantes galegos no exterior cada vez é maior. Ofrecen axuda a través do correo electrónico traballando conxuntamente cos Centros Galegos no exterior, Rexistros, Concellos de toda a provincia, así como cos Arquivos Diocesano e Históricos dos Portos de Vigo e A Coruña, xa que a maioría das consultas e demandas son para conseguir partidas de nacemento ou certificados de embarque de galegos que emigraron arredor do ano 1.900. Neste caso, realizan unha labor de investigación, xa que os familiares descoñecen datos concretos e non é doado para os que están no exterior chegar ata esta información. Dende que se creou a Casa do Emigrante rexistráronse ata 55 consultas que se resolveron a través da internet.
A Xunta reduce o seu apoio
A oficina en Viveiro é a porta ós emigrantes de Lugo, así como a todos aqueles proxectos empresariais que teñen como destino a nosa provincia. Pero o principal problema co que se atopa é o constante recorte que a Xunta de Galicia está facendo a nivel económico. En anualidades anteriores, a administración autonómica subvencionaba con 40.000 euros para as actividades solicitadas dende a Casa do Emigrante no marco dos distintos programas que ofrece a Consellería, mentres que en 2011 tan só aportou 10.800, é dicir, o 73% menos, obrigando ó Concello a realizar un maior esforzo inversor para garantir a permanencia deste servizo.

A Deputación descentralizou este servizo da sede provincial de San Marcos, canalizándoo a través da ampliación da oficina xa existente no Concello de Viveiro, que foi respaldada en numerosas ocasións por asociacións e ONGs como Médicos sen Fronteiras. A Casa do Emigrante está formada por dúas salas, unha máis grande que ten carácter polivalente e outra, de menor medida, para o proceso administrativo. En total, dispón dunha superficie de 100 metros cadrados. O horario de atención ó público adoita ser de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, agás agora no verán que queda reducido ás horas da mañá.

O obxectivo desta oficina é mellorar a comunicación da comunidade lucense co exterior, de xeito que se poidan establecer canles de información que permiten resolver moitas veces pequenas cousas para os lucenses que tiveron que emigrar. É o caso das herdanzas, cemiterios, partidas de nacemento, etc. Ademais, presta tanto información económica como dos posibles investimentos na provincia.