Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor o rural con Son d´Aldea

É a pioneira xornada que reivindica as posibilidades económicas das aldeas para combater ó despoboamento, que se celebrará na parroquia palense de Albá o 3 de setembroEstá ambientada nos anos 40 e 50 e inclúe un Roteiro Teatral, mostras de oficios artesáns e de produtos autóctonos, un Xantar na Aldea, ademais de actuacións musicaisAs 400 entradas dispoñibles a 20 euros cada unha están á venda en www.sondaldea.com

A Deputada provincial Pilar García Porto presentou este xoves Son d´Aldea. É a actividade dinamizadora da cultura rural lucense que terá lugar o vindeiro día 3 de setembro na parroquia de Albá, en Palas de Rei. A institución provincial, en colaboración cos colectivos palenses “O Parzamique” e “Metátese Teatro”, ademais da granxa familiar tamén deste municipio da Ulloa “Ecoagroturismo Arqueixal”, impulsa esta pioneira xornada que conxunta o pasado, presente e futuro de Lugo para reivindicar as posibilidades económicas das aldeas e facer fronte ó despoboamento demográfico que sofren.

García Porto salientou que “trátase dunha iniciativa enmarcada na nosa aposta polo campo, que resposta a necesidade, tal e como manifestaron os expertos que participaron no primeiro debate sobre demografía na provincia, o Lugo Reacciona que organizou a Deputación, de buscar novas alternativas que potencien a economía vinculada ó medioambiente para combater a perda de poboación. A mensaxe que queremos lanzar con Son d´Aldea é que no rural hai futuro. Nesta xornada, poderemos ver o sinfín de oportunidades do rural”.

Son d´Aldea estará ambientada nas décadas 40 e 50, anos nos que as aldeas centraban toda a actividade de Galicia ata que o proceso industrial conlevou o crecemento das vilas e a marxinación do rural. Para revivir esta época de esplendor, esta xornada inclúe un Roteiro Teatral que se desenvolverá en 6 escenarios, distribuídos pola parroquia de Albá. Estes son: o monte, amosando os labores do campo; o forno, recreando o proceso de elaboración do pan; o lavadoiros, incidindo no significado da auga; na escola, salientando a relación entre profesor e alumno; na lareira, revivindo as longas conversas dos veciños mentres, por exemplo, se batía a manteiga; e no tundal, onde se levaban a cabo tarefas de carpintería ou mesmo se “grabuñaba” a gadaña. “Metátese Teatro”, un colectivo cultural que naceu en Palas de Rei no ano 1992 e integrado por veciños de todas as idades, será o encargado de escenificar a vida no rural por aquel entón.

Mostras con proxección de futuro

Se o pasado se revive con escenas teatrais, o presente e o futuro amósase mediante as mostras de oficios artesáns e de artesanía alimentaria que se desenvolverán nas carpas emprazadas no campo da festa de Albá. Nelas participan profesionais lucenses que a día de hoxe seguen a residir e a vivir da actividade das aldeas. Haberá un ferreiro do Carballal (Palas de Rei), un canteiro de Pontaferreira (Antas de Ulla), unha oleira de Bonxe (Outeiro de Rei), un carpinteiro de Ribón (Becerreá), unha cesteira de Carballal (Palas de Rei), ademais dunha tecelá de Arbor, na Coruña, que está a obter moi boa acollida no mercado con pezas feita a man mediante o lino.

Tamén serán principalmente os produtos lucenses quenes protagonicen a mostra de artesanía alimentaria. Expoñeranse o viño da Ribeira Sacra (Adega da Veiga. A ermida. Belesar), os produtos lácteos de Arqueixal (Palas de Rei), o pan de Carteire (Panadería Irene, Palas de Rei), as Maruxas de nata de Cumbraos (Granxa Maruxa. Monterroso), as Galeguesas (Friguesía Santiago de Amorece), as menciñeiras do Coto (Milhalloa Soc. Coop. Palas de Rei), Estruga da Baixa Limia (Mestre Martín), e as Galletas Mariñeiras (Daveiga, Agolada).

Precisamente, serán ditos produtos os que compoñen o menú do Xantar na Aldea que terá lugar ás 14:30 horas. A musica de Buxaina, María Castaña e Quenlla amenizará toda a xornada.

Entrada limitada a 20 euros

Tendo en conta o espazo dispoñible das carpas que se habilitarán para as mostras e co fin de garantir a accesibilidade ó Roteiro Teatral, o número de persoas que poderán participar en Son d´Aldea é 400. Deste xeito, organizaranse grupos de 50 persoas para ver as escenas teatrais xunto a unha guía que as explicará polo miúdo. O prezo de entrada é de 20 euros, permitindo a participación en todas as actividades. Os interesados xa se poden facer cunha enviando un correo a www.sondaldea@gmail.com.