Deputación de Lugo

A Deputación aforrou 1 millón de euros ó Concello de Burela asumindo 18 obras municipais

Son traballos do convenio do Plan Extraordinario de Obra Pública, acordados polo Presidente e o anterior Alcalde tendo en conta as demandas veciñaisBesteiro visitou a pista de skate solicitada polos mozos deste municipio onde o 35% da poboación ten menos de 30 anos, ademais do parque de Tíjola dotado de novo mobiliario por valor de 17.000 euros As actuacións da institución provincial supuxeron a contratación de 90 traballadores que seguen a executar e ultimar 16 obras municipais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes actuacións que a institución levou a Burela co Plan Extraordinario de Obra Pública. Gómez Besteiro salientou que “con esta programación, asumimos 18 obras municipais, aforrando 1 millón de euros ó Concello e dotando ós preto de 10.000 burelenses de novos servizos”.

Estes traballos respostan ás demandas veciñais xa que foron acordados en decembro, -data da sinatura do convenio de 1 millón de euros enmarcado no mencionado Plan-, polo titular provincial e o Alcalde de Burela, por aquel entón Alfredo Llano, tendo en conta as solicitudes dos burelenses. Deste xeito, centos de mozos reclamaban unha pista de skate que a Deputación fixo realidade na rúa Marosa, achegando para elo 35.500 euros.

Hoxe mesmo, Besteiro visitou dita infraestrutura da que xa se está a facer uso. O Presidente fixo fincapé na relevancia da pista de skate para Burela, un municipio no que o 35% dos seus habitantes son menores de 30 anos, situando a media de idade nos 70 anos.

Outro exemplo do reclamo destas obras é o do Parque de Tíjola moi infravalorado ata o momento malia atoparse nunha das zonas máis poboadas de Burela como son as rúas Celso Emilio Ferreiro ou Arcadio Pardiñas. O titular provincial, que estivo acompañado polo actual Rexedor, José González Barcia, así como polos Deputados mariñanos Lara Méndez e José Ramón Val, tamén supervisou as actuacións levadas a cabo no Parque que consistiron na mellora do mobiliario urbano, dotándoo de novidosos xogos para os nenos. A Deputación investiu nestes traballos 17.000 euros.

90 empregos

Gómez Besteiro destacou que estas obras conlevan, ademais dun significativo aforro ás arcas municipais e da dotación de servizos ós veciños, unha forte aposta polo emprego. E é que as 18 obras da Deputación en Burela supuxeron o mantemento dun total de 90 postos de traballo. Actualmente, estes profesionais seguen a executar e ultimar as seguintes actuacións financiadas pola institución provincial:

Pista de multideporte no Parque Rosalía de Castro (33.000 euros); canalización fonte de Vilar (7.500 euros); canalización treito río Burela (37.500 euros); mellora do alumeado público e dotación de mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán (130.000 euros); proxecto técnico de demolición do edificio na rúa Pascual Veiga (40.000 euros); axardinado da Avenida Arcadio Pardiñas (73.500 euros); mellora do alumeado público tamén na Avenida Arcadio Pardiñas (238.000 euros); sinalización vertical na rede viaria municipal-zona Norte (45.000 euros); sinalización horizontal na rede viaria municipal-zona Sur (28.066 euros); sinalización vertical na rede viaria municipal-zona centro e área hospital (16.700 euros); acondicionamento da Praza da Igrexa (67.500 euros);reforma alumeado na Praza da Mariña e rúa Manuel Murgía (64.4000 euros); recrecido e colocación de tapas de saneamento, abastecemento, alumeado e sumiodiros na rede viaria municipal (45.000 euros); e 3 proxectos de renovación do pavimento en varias estradas municipais (121.334 euros).

Recepción no Concello

Previamente á visita ás obras do Plan Extraordinario, o Presidente mantivo un encontro privado co Rexedor de Burela na Casa Consistorial. Besteiro quixo trasladar a Barcia a firme aposta da institución pola máxima cooperación cos 67 Concellos lucenses para seguir xerando riqueza na provincia e combater a crise. Ademais, subliñou o seu compromiso coa Mariña, así como o intenso traballo levado a cabo en prol do desenvolvemento da Costa lucense mediante a posta en valor dos seus recursos naturais.