Deputación de Lugo

O Consorcio Provincial de Bombeiros aproba o inicio da integración do parque de Monforte que se fará efectiva en 2012

Con esta actuación, o Presidente cumpre o compromiso político asumido con este Concello, que permitirá garantizar a cobertura de extinción de incedios na zona sur da provincia Gómez Besteiro anuncia que o Consorcio convocará un novo Pleno para outubro no que se aprobará o Orzamento de 2012, o que permitirá seguir avanzando no proceso de integraciónO Pleno aproba a ordenanza fiscal que regula as taxas deste servizo, converténdose xunto co de Coruña no Consorcio que ofrece a prestación máis barata de toda Galicia

O Presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este mércores o noveno Pleno deste organismo no que se aprobou por unanimidade o inicio da integración do parque de Monforte de Lemos para que no ano 2012 pase a formar parte da rede provincial de bombeiros. Con esta actuación, Gómez Besteiro cumpre o compromiso asumido con este Concello, o que permitirá garantizar a cobertura de extinción de incendios na zona sur da provincia. “Coa aprobación da integración de Monforte imos reconducir unha situación necesaria para cumprir con este programa de 6 parques o vindeiro ano”, destacou o Presidente.

Co obxectivo de materializar canto antes a integración da infraestrutura monfortina, o máximo mandatario provincial anunciou que o Consorcio, integrado pola Deputación e a Xunta de Galicia, convocará un novo Pleno para outubro no que se aprobará o Orzamento de 2012, que contemplará o custe que supón dita integración, permitindo así avanzar no proceso da integración. Así mesmo, o Presidente precisou que “a semana que vén pecharase a cuantificación económica e técnica das necesidades que presenta esta infraestrutura e que son necesarias para a prestación dun servizo axeitado ó igual que xa o están a facer dende o pasado 1 de maio os outros 5 parques –Chantada, Sarria, Vilalba, Viveiro e Barreiros-“.

En paralelo, a partir dos vindeiros días, a Deputación comezará a requerir a Monforte a transferencia de bens e toda a información necesaria para facer real a integración, dando orde á empresa adxudicataria, Natutecnia –a mesma que xestiona os parques da zona sur- para que comece co proceso de selección dos 19 efectivos que terá o parque: 15 bombeiros, 1 sarxento e 3 cabos. Co acordo de hoxe, o Consorcio garantirá o vindeiro ano que os 29.204 habitantes dos Concellos de Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober estén seguros as 24 horas do día e os 365 días do anos.

Taxas públicas

O Pleno, tal e como están a facer dende hai tempo os outros Consorcios existentes en Galicia, aprobou as ordenanzas fiscais que regulan as taxas pola prestación de servizo ós cidadáns e polas contribucións especiais das que se benefician outras entidades que se vexan implicadas na prevención como son as compañías aseguradoras. No primeiro caso, a cota establecida determínase en función do número de efectivos, os materiais empregados, o tempo invertido e o percorrido efectuado polos vehículos. A ordenanza fixa a mesma cuantía que mantén o Consorcio da Coruña, un prezo mínimo de 1 euro por quilómetro. É dicir, o de Lugo, xunto co da provincia coruñesa, é o Consorcio que ofrece esta prestación máis barata en Galicia.

A segunda ordenanza aprobada afecta directamente ás aseguradoras que se benefician do establecemento ou ampliación dos servizos de extinción de incendios, o que permitirá diminuir os riscos de sinistro e reducir os custes do servizo. A súa aplicación, suporá novos ingresos para o Consorcio que revertirán, tal e como subliñou o Presidente, na mellora do servizo, non podendo ser adicados a outro fin. Esta comezará a aplicarse en 2013.

Novos membros

Así mesmo, en cumprimento co establecido polos Estatutos cando as eleccións locais alteran a designación dos representantes no Consorcio, na sesión de hoxe nomeáronse ós novos representantes. Deste xeito, José Ramón Gómez Besteiro seguirá sendo o Presidente deste organismo ata o 25 de setembro de 2012. A designación deste cargo é rotatoria cada dous anos, polo que a partir desa data, este posto pasará a ser ocupado polo outro socio do Consorcio, a Xunta de Galicia. O Vicepresidente do Consorcio segue sendo o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, quen delegada no Director Xeral de Emerxencias e Interior: Santiago Villanueva Álvarez. Polo que respecta á Deputación, os representantes, ademais do Presidente, son: o Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, quen pasa a ser tamén a presidenta da Comisión Executiva do Consorcio.

Por tanto, por parte da Xunta de Galicia, continúan os mesmos representantes: o Director Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: Santiago Villanueva Álvarez; o Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación, José Antonio Fernández López; e a Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias.

Polo que respecta ós Concellos, nomeáronse ós novos representantes de Chantada e Sarria, José Manuel Ledo, e José Antonio García López, respectivamente. Así mesmo, mantéñense os de Barreiros, José Alfonso Fuente Parga; Vilalba, Gerardo Criado; e Viveiro, Melchor Roel.

Cobertura do 100% da provincia

A creación do Consorcio Provincial de bombeiros supuxo a posta en marcha dos 5 parques e garantizar a cobertura contraincendios ó 90% da provincia. Durante o primeiro mandato, este equipo de goberno logrou rematar coa discriminación que durante décadas sufría Lugo en materia de prevención deixando de ser a única provincia galega que aínda non contaba con este servizo, pero a vontade da Deputación, tal e como subliñou o Presidente, é ampliar a cobertura ó 100% da provincia en 2012. “Somos conscientes de que a solución para estes parques non sexa a mesma que para o resto, sobre todo pola dificultade da orografía que, entre outras cuestións, aumenta o tempo de resposta. Ademais, tendo en conta que é unha ampla zona que vai dende a Pontenova ata Folgoso do Courel, e que ningún punto nos dá seguridade de cobertura, probablemente teremos que ir a fórmulas mixtas, unha cuestión que afrontaremos en 2012”.

Dende que os parques de bombeiros, nos que máis de 100 profesionais prestan o seu servizo, entraron en funcionamento o 1 de maio, a súa actividade incrementouse mes a mes. Ata o día de hoxe, os efectivos realizaron máis de 200 intervencións nos 50 Concellos que están cubertos polo Consorcio.

Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro dan cobertura a 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove. Na zona sur, os de Chantada, Sarria e, en 2012 o de Monforte de Lemos, prestan servizo a outros 25: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela.

O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo para toda a provincia incluirá: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.