Deputación de Lugo

A Deputación amplía a asistencia técnica que presta ós Concellos da provincia ó ámbito económico-financeiro e urbanístico

O Deputado de Cooperación anunciou que as entidades locais terán á súa plena disposición un equipo técnico especializado para, por exemplo, elaborar un diagnóstico da súa situación económica e plans de saneamento, ou modificar normas subsidiarias “Máis concertación e menos subvención” será a máxima que rexerá a área de Díaz Valiño, pois quere que sexan os Concellos os que formulen as súas prioridades á institución provincial e que non estean tan suxeitos á temporalidade das axudas Un dos primeiros novos servizos de asistencia que activou a Deputación foi a medición de ruídos e vibracións, que xa se levou a cabo en Monforte e ten solicitado PantónValiño avanzou que a institución creará unha biblioteca xurídica e unha base de datos, poñendo o fondo documental da provincia a disposición dos Concellos mediante préstamo

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, presentou este luns as liñas de actuación e prioridades da súa área para este mandato, no que unha das principais novidades é que se ampliarán os servizos de asistencia técnica ós municipios ós ámbitos económico-financeiro e urbanístico. A Deputación adiántase deste xeito, á demanda que este mesmo sábado, na asemblea de constitución da FEGAMP, fixeron os Concellos no senso de que os organismos provinciais deben ter un papel máis activo na prestación de axuda técnica. Díaz Valiño salientou que “a cooperación e asistencia ós Concellos é a columna vertebral da nosa acción de Goberno e a verdadeira razón de ser desta institución. Neste departamento asentaremos os piares sobre os que converteremos á Deputación na maior Mancomunidade da provincia”.

Logo de crear en 2007 a área de cooperación e asistencia ós Concellos, deixando atrás a figura da Deputación como intermediaria e mera distribuidora de recursos, a institución pasa agora a traballar EN REDE, transformar recursos e crear economías de escala, convertendo os “problemas micro” en “solucións macro”. “No pasado mandato demostramos pola vía da eficiencia que podíamos ser útiles á provincia e neste, dende o primeiro minuto, redobramos os esforzos para artellar mecanismos que aforren custes ós Concellos, que garantan a prestación de servizos públicos básicos, que melloren a eficiencia na xestión e a calidade deses servizos, e que combatan a sangría demográfica no rural. Con este plan, imos liderar a asistencia ós Concellos en todo o estado, contando cun servizo cuasi universal que cubra todo o abano de posibilidades na cooperación municipal”, subliñou.

Un plan baseado na concertación

Díaz Valiño indicou que “a cooperación como instrumento das políticas públicas require unha nova visión da provincia que, superando o vello principio de xerarquía entre Concellos e Deputacións, a configure como unha rede de municipios. Trátase dunha rede na que a Deputación e os Concellos se recoñecen mutuamente como partícipes en pé de igualdade na consecución dos fins públicos para os que naceron, sumando esforzos e recursos, optimizando rendementos. Queremos que este traballo en rede estea baseado na concertación de proxectos e servizos, é dicir, que os Concellos teñan unha participación activa establecendo as súas prioridades con respecto ás actuacións que desexan da Deputación, institución que, polo demais, debe aportar valor engadido ás accións emprendidas. Máis concertación e menos subvención é a máxima que vamos aplicar. Cremos que hai que reducir o gran espazo que ocupan as subvencións xa que están condicionadas na súa aplicación, son discontinuas no tempo e graciables na súa concesión. Deste xeito, as achegas da Deputación estarán principalmente ligadas a outros tipos de cooperación: de tipo técnico, económico, xurídico”.

Persoal especializado a disposición dos Concellos

Ademais de continuar coa asistencia xurídica e en recursos humanos, máis persoal da institución provincial estará a plena dos Concellos co fin de ofrecer os seguintes novos servizos:

- Asistencia en materia de urbanismo. A Deputación poñerá dende primeiros de ano a plena disposición dos Concellos un arquitecto para darlles apoio nun ámbito de importancia crucial para o desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio e no que, para moitas cuestións, os municipios non contan cos medios económicos nin técnicos suficientes. Como exemplos da axuda que poderán solicitar, Valiño apuntou a redacción de modificacións puntuais de normas subsidiarias ou de proxectos de delimitación de solo urbanos; a redacción de estudos de detalle e Plans Especiais de Protección e Reforma Interior (PEPRI) en terreos ou edificios de propiedade municipal; redacción de proxectos de ordenación e parcelación de terreos de propiedade municipal; ou a avaliación de terreos.

- Asistencia en materia económica, de contabilidade e xestión orzamentaria. Nun contexto de máximo rigor económico, tamén se pon a disposición dos Concellos este servizo “que consideramos transcendental para o equilibrio e sustentabilidade das arcas municipais”. Deste xeito, as entidades locais poderán solicitar asistencia da Deputación para elaborar, por exemplo, un diagnóstico económico financeiro, plans de saneamento, plans económico financeiros, xestión de operacións de crédito, informes de subministro de servizos públicos para ver as ofertas máis vantaxosas.

Ademais, tamén se ofrecerá asesoramento para o traballo con persoas emprendedoras, para a presentación de solicitudes de proxectos europeos, así como asistencia en elaboración de Inventarios de Bens Municipais ou en contratación e xestión.

Aforro nas medicións de ruídos

Outras das novas liñas de actuacións é a medición de ruídos e vibracións, prestación da que se está a beneficiar Monforte de Lemos e que ten solicitado o Concello de Pantón. A Deputación aporta ós Concellos os medios técnicos e persoais necesarios para levar a cabo a inspección e control de ruídos e vibracións e cumprir deste xeito a normativa correspondente, aforrándolles custes ó evitarlles a contratación dunha empresa exterior. Valiño indicou que “tomamos esta medida ante a falta de medios municipais para afrontar unha problemática grave en moitas localidades da nosa provincia, que chegan a ser sancionados. Por exemplo, Ribadeo ten que pagar a un veciño unha indemnización de 60 euros ó mes dende o ano 2006 en compensación pola contaminación acústica que sufríu durante anos. Tamén percibimos a pasividade e desidia por parte da Xunta, a administración responsable do cumprimento da lexislación que rexe esta materia (Lei 7 de 1997 de protección contra a contaminación). Segundo os prezos do mercado un só estudo nesta materia suporía un desembolso superior ós 1.000 euros, mentres que dende a Deputación vámolo ofrecer por 300 euros.

Biblioteca xurídica e base de datos

Valiño avanzou que se creará unha biblioteca xurídica e unha base de datos. “Temos un importante fondo documental, que centralizaremos nunha estancia da segunda planta do Pazo de San Marcos co obxectivo de poñelo a disposición de todo o persoal da Deputación, pero tamén dos Concellos da provincia a través dunha fórmula de préstamo. Con isto lograríamos un importante aforro para os Concellos, que na actualidade están duplicando moito gasto en compra de paquetes de consulta xurídica, tanto informáticos como en papel”.

Axilidade na administración

Entre as novas actuacións que permitirán gañar axilidade na administración atópanse:
- Manual para reducir ou eliminar cargas administrativas. Trátase dunha nova e sinxela ferramenta, elaborada pola FEMP, que permitirá prestar un servizo máis áxil ós cidadáns e aforrar custes á administración e ós administrados. “Unha da primeiras medidas que lles facilitamos é unha ordenanza que acurtará nun mínimo de catro meses o procedemento burocrático necesario para iniciar unha actividade económica, sempre e cando esta non deba ser sometida a avaliación de incidencia ambiental”. Trátase por exemplo de comercios de moda, alimentación, electrodomésticos, bricolaxe, construción, droguería, xoguetes, fotografía, xardinería ou galerías de arte comerciais; talleres de confección e xastraría, de encadernación, reloxaría, óptica ou ortopedia; centros e academias de ensino, agás salas de baile, música e cante, institutos de beleza, despachos profesionais e xestorías... Cun procedemento administrativo máis sinxelo e prazos máis curtos, favorécese a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego. A través deste Manual, os Concellos tamén poden medir a súa carga administrativa e, en función dela, determinar os mecanismos máis axeitados cos que pode reducir e simplificar procedementos, ou incluso eliminar os innecesarios.

- Servizos en liña. Ofreceremos ós Concellos a posibilidade de facer consultas, solicitudes e xestións on line, o que redundará nun significativo aforro de custes e aumento da axilidade da administración e da súa relación cos cidadáns. Nesta senso, unha das medidas que adoptaremos é colgar os modelos de solicitude que os Concellos lle teñen que remitir á Deputación para pedirlle axudas ou proxectos, de maneira que poden facer este trámite dun xeito rápido e sinxelo.