Deputación de Lugo

A Deputación busca novos beneficios no sector agrogandeiro apostando por sistemas de produción alternativos

O Deputado de Economía Rural e do Mar puxo en marcha o novo curso enmarcado na programación gratuíta para agricultores e gandeiros que acolle a Granxa Gayoso CastroProfesionais do sector foron os encargados de impartir a xornada, dando conta das súas propias experiencias e plantexando novas vías de ingresos para o sector agrogandeiro Hoxe os conferenciantes foron o responsable da 1º explotación en Galicia que ofreceu leite cru, un produto que se produce e se distribúe no mesmo día, e un membro dunha cooperativa centrada no cultivo de prantas mediciñais e produtos ecolóxicos

O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández Fernández, puxo en marcha este mércores o curso Actividades complementarias á agricultura e gandeiría convencional. Trátase da nova xornada formativa enmarcada na programación gratuíta dirixida a agricultores e gandeiros que a institución leva á Granxa Gayoso Castro. É o curso co que o organismo provincial busca novos beneficios no sector agrogandeiro apostando por sistemas de produción alternativos. Fernández salientou que “queremos que as instalacións chairegas sexan un soporte para os nosos gandeiros e agricultores, un centro que lles presente novas oportunidades económicas como as que nos amosan neste curso”.

Deste xeito, os preto de 15 participantes nesta iniciativa coñeceron novas vías de ingresos da man de profesionais do sector na Comunidade que deron conta das súas propias experiencias. Hoxe foi a quenda de Antonio Carral, propietario dunha explotación de leite cru, e Carmela Valiño, membro dunha cooperativa centrada nas colleitas ecolóxicas e nas prantas mediciñais.

Pioneiro en Galicia coa produción de leite cru

Antonio Carral é responsable de “O Alle”, unha explotación agrícola e gandeira de carácter familiar, situada no Concello de Lalín, cuxa actividade arrincou en 1994. No 2002, transformouse en ecolóxica e en 2008 logrou ser pioneira en Galicia mediante a produción de leite cru. O proceso de elaboración deste produto é o seguinte: unha vez que se extrae o leite das vacas e se consegue que a súa temperatura sexa de 3 grados -proceso cunha duración máxima de 20 minutos- envásase e distribúese no mesmo día. Para elo, “O Alle” conta cunha pequena industrial propia.

Este negocio, que dispón de 40 hectáreas de superficie útil, adicadas a cultivos como millo ou ó pasto, busca agora que a súa explotación sexa autosuficiente é dicir, capaz de producir o forraxe necesario para as 45 cabezas de gando coas que conta. Isto permitiralle, evitar custes de produción. Tamén desexa ampliar o número de produtos e puntos de venta no mercado, elaborando, envasando e distribuíndo queixos ou doces por toda Galicia.

Dende o punto de vista económico, este tipo de explotacións ofrecen unha alta calidade a baixo custo xa que, segundo Carral, unha redución no número de animais permite o funcionamento con menos hectáreas, a administración responsable de vacinas, antibióticos ou a alimentación máis centrada no pastoreo, evitando ter que recorrer ós pensos que incrementan os custes de produción. Ademais, tendo en conta que o proceso produtivo e case inmediato, os gastos básicos, tales como a luz, son inferiores. No seu conxunto, isto conleva que o investimento necesario para manter una explotación ecolóxica con respecto a una tradicional é significativamente inferior. A maiores, o prezo do litro de leite cru é de 1,10 euros fronte ós 0,35 céntimos do leite convencional.

Na provincia hai 102 explotacións gandeiras que, como “O Alle”, xa obtiveron a certificación de “ecolóxicas”, outorgada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Estes negocios sométense a exhaustivos controis periódicos dos sistemas de produción, alimentación ou coidado do gando, asegurando que o leite que chega ós consumidores cumpre con todas as garantías de calidade.

Prantas mediciñais e produtos ecolóxicos

Outras das conferenciantes no curso foi Carmela Valiño, membro de “Milulloa”. Trátase dunha cooperativa de Palas de Rei, creada hai 10 anos por 3 mulleres e adicada ó cultivo, envasado e distribución de prantas mediciñais e produtos ecolóxicos, principalmente hortalizas. Precisamente, segundo Valiño, o feito de asumir toda o proceso produtivo, evitando principalmente a distribución, permítelles ter maiores beneficios. Na actualidade, venden os seus produtos en tendas e establecementos hostaleiros de toda Galicia, por exemplo existen cafeterías con infusións de “Milulloa”. Os seus grelos ecolóxicos comercialízanse tamén en Madrid e Barcelona.