Deputación de Lugo

Os 5 parques do Consorcio Provincial de Bombeiros superan as 200 intervencións na provincia dende a súa posta en marcha

Dende o 1 de maio e ata o 30 de setembro, o complexo de Barreiros rexistrou 50 emerxencias, o de Vilalba 52, Viveiro 25, Sarria 55 e Chantada 33Da totalidade das actuacións, 134 foron incendios, 33 excarcelacións, 10 fugas de gas e 16 rescates de persoas, mentres as restantes consistiron en tarefas de prevención

Os 5 parques que integran o Consorcio Provincial de Bombeiros suman 215 intervencións dende a súa posta en marcha, o pasado 1 de maio, e ata o 30 de setembro. Segundo reflicte o último informe de actuación, o complexo de Barreiros contabilizou 50 emerxencias, o de Vilalba 52, Viveiro 25, Sarria 55 e Chantada 33.

Da totalidade das intervencións rexistradas, 134 foron incendios forestais, de vivendas, naves, vehículos ou material urbano, representando máis do 60% do total. O seu desglose é o seguinte: o parque de Barreiros interviu en 30 incendios, Vilalba en 33, Viveiro en 16, Sarria en 31 e Chantada en 24.

Os máis de 100 profesionais contratados para prestar servizos nos 5 parques de bombeiros tamén atenderon 33 excarcelacións e 10 fugas de gas, levaron a cabo 16 rescates de persoas, ademais de realizar distintas tarefas de prevención tales como limpezas de estradas.

As actuacións rexistráronse nos 50 Concellos nos que prestan servizo, supoñendo a cobertura do 90% da provincia. Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro dan cobertura a Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove. Na zona sur, os de Chantada e Sarria prestan servizo a Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela. A cobertura nestes últimos 25 municipios verase incrementada en 2012 coa incorporación ó Consorcio do complexo de Monforte de Lemos que vén de ser aprobada por dito organismo a pasada semana.

O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico.