Deputación de Lugo

A Deputada de Medio Ambiente inaugura o XXII Ciclo de Conferencias Luis Asorey, que reúne a un cento de participantes

López Izquierdo destacou a “estreita colaboración” que o organismo mantén coa Real Academia Galega de Ciencias para a organización destas xornadas, no marco da súa aposta por aproveitar o medio ambiente como oportunidade económica da provinciaSete expertos interveñen na vixésimo segunda edición do congreso, que xira en torno á xestión forestal sostible e se desenvolverá ata o día 30 no Pazo de San Marcos e na Facultade de Veterinaria

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou este luns no salón de actos do Pazo de San Marcos, xunto ó Presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Ernesto Vieitez, e o catedrático da USC Antonio Rigueiro, o XXII Ciclo de Conferencias Luis Asorey, que este ano xira en torno á xestión forestal sostible e conta cun cento de participantes. Sete expertos –cinco Enxeñeiros de Montes e dous Doutores en Bioloxía- ofrecerán as conferencias, que se desenvolverán ata o día 30 na sede do organismo provincial e na Facultade de Veterinaria. López Izquierdo destacou “a estreita colaboración” que a Deputación de Lugo mantén coa Academia de Ciencias para a organización destas xornadas, no marco da súa aposta “por aproveitar o medio ambiente como oportunidade económica da provincia co fin de favorecer o seu desenvolvemento social e económico, crear emprego e frear o grave caída demográfica”. Neste senso, a Deputada recordou que o organismo lucense apoia a través do INLUDES este congreso desde que este se puxo en marcha, no ano 1989.

Mostra dese esforzo en prol da conservación medioambiental e o desenvolvemento sostible da provincia que leva a cabo a Deputación é o programa Lug02, explicou López Izquierdo, engadindo que “grazas á confianza que volveu a depositar en nós a Unión Europea, concedéndonos 6,5 millóns de euros, continuaremos con este proxecto, co que, na primeira fase, realizamos nestes catro anos 80 contratos cos que creamos máis de 60 postos de traballo directos para a execución do programa”.

A Deputada subliñou así mesmo a idoneidade da temática elixida pola Academia de Ciencias para o Ciclo de Conferencias Luis Asorey, que organiza en colaboración coa Universidade de Santiago, dada a gran importancia do sector forestal en Lugo. De feito, a superficie forestal ocupa un 68% do total da provincia e desta, un 63% é monte arborizado, unhas 422.000 hectáreas, que supoñen o 35% do total galego. Estes datos converten á provincia lucense na de máis importancia forestal de Galicia, pois é a que ten un maior número de hectáreas con árbores, e poñen de manifesto as “enormes posibilidades económicas e sociais” da silvicultura en Lugo, afirmou Sonsoles López.

A primeira conferencia do congreso foi pronunciada hoxe polo Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Ambiente, Tomás Fernández-Couto, e levou o mesmo título co das xornadas, “Xestión Forestal Sostible en Galicia”. O ciclo continúa mañá e os días 23, 28, 29 e 30, ás 19:30 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, e o día 24 na Facultade de Veterinaria, á mesma hora. As disertacións son as seguintes:

Mañá, día 22, o Director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, falará sobre “Certificación Forestal en Galicia”.

O mércores, día 23, o profesor Antonio Rigueiro ofrecerá unha conferencia sobre “Os Soutos e os Bosques de Ribeira: Ecosistemas en Perigo en Galicia”.

O 24, o profesor titular do departamento de Produción Vexetal da USC Roque Julio Rodríguez abordará “A Sanidade Forestal en Galicia”.

O día 28 continuará o congreso coa disertación do profesor da área de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez acerca de “Bosques Singulares de Galicia: Unha proposta de Conservación”.

O 29, a profesora titular do departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago María Rosa Mosquera explicará “Os Sistemas Agroforestais: Unha Alternativa de Xestión Sostible para o Medio Rural Galego”.

O encontro rematará o día 30 de novembro coa conferencia do Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricargo García-Borregón, acerca de “Os Bosques nos Espazos Protexidos en Galicia”.

Abertas ó público

Aínda que a Academia de Ciencias abriu un prazo para inscribirse no congreso, todas aquelas persoas que non o fixeran e queiran asistir poden facelo, pois a entrada está aberta ó público en xeral. A asistencia dá dereito a un crédito de libre configuración ós alumnos da Universidade de Santiago de Compostela.