Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o II Curso de Medicina Veterinaria de Marcelle Natureza, que reúne a 170 estudantes e profesionais

Imaxe deputación de lugo
A Deputada de Medio Ambiente inaugurou as xornadas formativas, que se celebran entre hoxe e o domingo no auditorio da Facultade de VeterinariaO organismo provincial apoia economicamente a organización do seminario, durante o que ofrecerán conferencias oito profesores e especialistas de parques zoolóxicos de toda España

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou este venres a segunda edición do Curso de Medicina Veterinaria e Conservación de Parques Zoolóxicos, ó que asisten máis de 170 estudantes e licenciados en Veterinaria, Bioloxía e nas enxeñerías Forestal e Agrónoma. López Izquierdo estivo acompañada do Concelleiro de Zona Rural de Lugo, Enrique Chaín, e o Alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, nun acto no que destacou que o organismo provincial decidiu impulsar estas xornadas colaborando economicamente na súa organización no marco da súa estreita colaboración con Marcelle Natureza, que leva a cabo “un interesante proxecto de desenrolo rural sostible, pon en valor un espazo natural de grande riqueza e contribúe á divulgación da Reserva da Biosfera Terras do Miño”. A Deputación tamén se implicou dende o primeiro momento nesta iniciativa, que xa respaldou na súa primeira edición, pola súa contribución a reciclar e ampliar a formación de estudantes e profesionais das ramas de Veterinaria, Bioloxía e Enxeñerías Forestal e Agrónoma.

Sonsoles López recalcou que unha das liñas estratéxicas de actuación do organismo provincial é precisamente promover a economía medioambiental co fin de favorecer o desenvolvemento económico e social de Lugo, crear emprego e frear a caída demográfica que sofre a provincia. A Deputación ven traballando neste obxectivo dende hai tres anos a través do programa Lug02, co que poderá continuar neste mandato grazas ós novos fondos concedidos pola Unión Europea.

O Curso de Medicina Veterinaria e Conservación de Parques Zoolóxicos celebrarase esta fin de semana, entre hoxe e o domingo, no auditorio da Facultade de Veterinaria. Oito profesores e expertos de parques zoolóxicos e naturais de toda España participarán neste curso: María Sol Arias Vázquez, profesora do Departamento de Parasitoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo; Conrad Enseñat, conservador do Zoo de Barcelona e Coordinador do Programa Europeo do Lobo Ibérico; Manuel López, director de Zoo Trans; Daniel García, responsable do servizo veterinario do Oceanográfico de Valencia; Gerardo Espeso, Veterinario del Parque de Rescate de Fauna Sahariana; Gonzalo Fernández, director xeral de Bioparc Valencia y Fuengirola; José María Rodríguez, director do Parque Zoológico de Tabernas; e José Rois, responsable de Servizos Veterinarios de Marcelle Natureza.