Deputación de Lugo

A Deputación solicita 1,6 millóns de euros ó Ministerio de Medio Ambiente para impulsar as Reservas dos Ancares e Terras do Miño

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto que concorre ós convenios para 2012 entre Ministerio e xestores de Reservas, dotado de 2,4 millóns de euros e con 9 liñas de actuación Martínez insta á Xunta a constituír os Órganos de Xestión de Eo-Oscos-Terras de Burón e subliña o impulso deste espazo cos fondos europeos concedidos á institución para Lug02O organismo provincial remata a expropiación de 11.756 m2 no Campus para situar a Escola de Enxeñería Civil e un viveiro de empresas orientado á investigación empresarial

A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto que a Deputación remitirá ó Ministerio de Medio Ambiente para concorrer ós convenios de colaboración para 2012 entre dito departamento do Goberno Central e os entes xestores das Reservas da Biosfera. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “logo de aprobar hai poucos días os Órganos de Xestión de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses (Reservas das que a institución luguesa é a súa máxima responsable), converténdonos nunha das primeiras administracións en Galicia en dar este paso, hoxe poñemos en marcha unha nova iniciativa co fin de garantir o desenvolvemento sostible destes espazos naturais que ocupan 417.332 heztáreas, que representan o 45% do territorio lugués”.

O proxecto aprobado recolle 9 liñas de actuación, baseadas na conservación da riqueza natural das Reservas de Terras do Miño e Os Ancares; na xeración de novas oportunidades económicas nos 30 Concellos da provincia nos que se estenden; no mantemeno e na creación de novos postos de traballo; e, en definitiva, no freo ó despoboamento demográfico que sofre o rural lucense. Estas son as seguintes:

1.- Detectar os espazos ameazados e poñer en marcha accións de protección, integrando ós cidadáns nas mesmas; 2.- Potenciar rutas de interese na zona, impulsando os negocios da zona; 3.- Desenvolver campañas de información en colaboración coas empresas para a posta en valor dos servizos existentes nas Reservas; 4.- Fixar a sinalización de zonas recreativas, culturais e paisaxísticas segundo as directrices da Rede de Reservas da Biosfera Españolas; 5.- Dotar dos recursos necesarios para a implantación de centros de atención e recepción de visitantes (Puntos de Información); 6.- Facer accesibles ós lugares de interese;
7.- Levar a cabo xornadas formativas dirixidas ós profesionais do sector agrogandeiros para unha xestión sostible dos seus negocios que leve aparellada unha redución nos custes de produción; 8.- Crear páxinas web con toda a información económica, social e ambiental das Reservas da Biosfera; 9.- Celebrar convocatorias participativas para reforzar a conservación e a promoción dos espazos naturais que máis o requiran.

O proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, que se reparten nas anualidades de 2012 e 2013, e dos que 1,6 millóns deberán ser financiados polo Ministerio de Medio Ambiente e 800.000 euros pola Deputación. Non é a primeira vez que a institución provincial concorre a estes convenios. Na convocatoria anterior, 2010 e 2011, o departamento do Estado concedeu unha axuda de 783.333 euros tamén para a execución de accións de conservación e posta en valor das Reservas de Terras do Miño e os Ancares por un valor de 1.175.000 euros. Nesa ocasión, o Goberno Central asinou outros 5 convenios para a desenvolvemento sostible de Reservas xestionadas por Comunidades Autónomas e 13 Concellos.

Eo-Oscos-Terras de Burón

A Deputación está a traballa nas Reservas da Biosfera que son da súa competencia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Sen embargo, Lugo conta cunha 3º Reserva, a de Eo-Oscos-Terras de Burón, que é responsabilidade da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias. Este espazo natural comprende 7 Concellos lucenses (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz), así como outros 7 asturianos. Ó respecto, Martínez instou á Xunta a que “axilice os seus trámites para constituír de xeito inmediato ós Órganos de Xestión deste espazo tal e como fixemos dende a Deputación de Lugo, cumprindo a normativa vixente e garantindo o desenvolvemento sostible da zona con proxectos como o que hoxe aprobamos”.

O voceiro socialista engadiu que “non imos deixar esta zona desamparada como fai o Goberno galego malia non ser os seus xestores. Deste xeito, continuaremos levamos a cabo medidas que xeren riqueza á zona cos fondos europeos que recibimos para a execución da segunda parte do Lug02, o programa medioambiental dotado de 6,5 millóns de euros. Ademais, xa solicitamos máis fondos dos remanentes resultantes de 2007-2011 que nos posibilitarán incrementar as actuacións na provincia. A Unión Europeoa premiounos na convocatorioa 2011-2013, converténdonos na quinta entidade local en España que máis fondos comunitarios recibiu debido a boa xestión realizada ata o momento e a ambición dos nosos proxectos. Agora, esperamos a mesma resposta de cara a obtención de remanentes, tendo en conta que temos executado máis do 80% do orzamento recibido en 2007-2011, fronte o 22% da Deputación de Coruña, o 30% da de Ourense e o 60% da de Pontevedra”.

Expropiacións no Campus

A Deputación rematou co proceso de expropiación dos terrreos necesarios nos que se situará a Escola de Enxeñería Civil e un viveiro de empresas orientado á investigación empresarial dentro do proxecto de desenvolvemento do Campus de Lugo. A Xunta de Goberno aprobou o cambio de titularidade e a concesión de 888.246 euros ós propietarios de 26 fincas, situadas entre a Avenida Pablo Iglesias e a Rúa das Pedreiras, que ocupan 11.756 metros cadrados.

A institución luguesa continuará agora, cos traballos de expropiación da zona comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pablo Iglesias, onde se atopa Autovión. A superficie a expropiar en este caso, é de 13.633 metros cadrados que estarán adicados ó sector servizos e ós usos terciarios. Ademais, tamén se adquirirán outros 11.772 metros cadrados na zona comprendida entre a rúa das Pedreiras e a nova rotonda onde se construirá un polideportivo. En total, a Deputación expropia 37.161 metros cadrados, unha superficie semellante a 3 campos de fútbol como o do Anxo Carro, achegando para elo 4,6 millóns de euros que, xunto ás obras da Escola de Enxeñería Civil que se adxudicarán nos vindeiros días, supón un investimento de máis de 7 millóns de euros na ampliación e mellora do Campus de Lugo.

Unha única subvención

Na sesión tamén se aprobou a única subvención que a Consellería de Traballo concedeu á Deputación de Lugo dentro do programa autonómico de cooperación coas entidades locais. No mes de setembro, a Xunta de Goberno acordou solicitar a contratación de 2 axentes de emprego e desenvolvemento local, así como a pórroga doutro contrato, co fin de contar con persoal especializado no departamento provincial de Fondos Europeos para a posta en marcha de proxectos dotados de 25 millóns de euros. Martínez destacou que “o Goberno Galego só nos aprobou a prórroga dun contrato para a que nin nos concede a cantidade económica total permitida. A Xunta achega 22.705 euros, o 40%, polo que a Deputación vese na obriga de investir o 60% restante, 34.057 euros. Esta é unha práctica habitual da Xunta que reparte os fondos dun xeito discrecional e sen seguir criterios obxectivos. Por exemplo, na anterior convocatoria, a Deputación de Pontevedra recibiu o triple de fondos que a Deputación de Lugo. Outro exemplo son os obradoiros de emprego onde os Concellos lucenses gobernados polo PP recibiron o 76% das axudas”.

Axuda excepcional

Tendo en conta os problemas de liquidez que sofre o Concello de Mondoñedo, a sesión aprobou a concesión dunha subvención de carácter excepcional a este municipio por valor de 31.000 euros. Esta axuda será para a contratación de persoal especializado que porá ó día as contas do Concello logo dos serios problemas que sufríu este municipio nesta materia despois de atoparse con contas pendentes de 2005, 2006 e 2007, anos nos que gobernou o Partido Popular.