Deputación de Lugo

A Deputación mellora o local social de Santa Mariña de Cerdeda, que dá servizo a máis de 100 veciños de Taboada

García Porto visitou este sábado a parroquia taboadesa de Santa Mariña de Cerdeda, para comprobar o resultado das obras no local da asociación veciñal, levada a cabo grazas ás axudas que o organismo provincial concede dentro do Plan de Comunidades Veciñais.Nesta ocasión, máis de 100 veciños se beneficiarán destas melloras, posibles grazas ós cartos cos que a Deputación colabora con numerosas asociacións de toda a provincia.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, desprazouse este sábado ata o Concello de Taboada para comprobar in situ o resultado das obras de acondicionamento e mellora do local de reunión da Asociación de Veciños de Santa Mariña de Cerdeda, cuxas obras foron financiadas polo organismo provincial dentro do Plan de Comunidades Veciñais do ano 2010.

Esta Asociación, á que pertencen a práctica totalidade dos máis de 100 veciños da parroquia, e incluso algún doutras cercanas, carecían dun local en condicións onde poder reunirse. Foi hai un tempo cando a xunta directiva desta asociación decidiu adquirir unha antiga casa de pedra situada na mesma parroquia para destinala a tal fin. Sen embargo a edificación necesitaba unha profunda intervención para adaptala ó seu novo uso. Tras acudir á Deputación e solicitar a colaboración deste organismo, foilles outorgada unha axuda de 12.000 euros a través de dito Plan, que lles serviu para facer fronte ós arranxos imprescindibles que tiñan que levar a cabo.

Estes traballos consisitiron no retellado, o precinto de paredes, o alicatado do chan ou mesmo a construción dun cuarto de aseo. Rematadas as obras, ó fin esta asociación conta cun local adecuado e accesible para todos os seus membros. Tal e como subliñou Pilar García, “a Deputación ten un compromiso cos lucenses para prestarlles toda a cooperación posible á través das múltiples liñas de axuda que poñemos a disposición de todos, como son, neste caso, os Plans de Axudas a Comunidades Veciñais”. O organismo provincial permitiu deste xeito facilitar a participación das máis de 30 familias coas que conta este núcleo nas actividades que se organizan dende a asociación.

Pilar García Porto destacou, así mesmo, que “a Deputación mantén como prioridade prestar toda a axuda posible ós veciños da provincia. Sempre é agradable comprobar como participamos na mellora da calidade de vida dos lucenses, pero aínda o é máis se cabe en casos coma o desta parroquia, que conta entre os seus habitantes con tanta xente nova. É unha satisfacción ver como os novos optan por quedar a vivir no rural, comprometéndose coa súa dinamización e dignificación, compromiso que dende o equipo de goberno provincial compartimos plenamente”.

A Deputación ofrece a súa colaboración económica os lucenses

Esta liña de axudas que a Deputación concede mediante o procedemento de concurrencia competitiva, ten como finalidade a concesión de axudas económicas a comunidades veciñais, agrupacións ou asociación de veciños para a realización de obras de establecemento, dotación ou acondicionamento, tanto no medio urbano coma no rural.
Estas obras adoitan estar referidas á execución de pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, arranxo e acondicionamento de locais sociais, pequenas infraestruturas deportivas, etc. De igual modo os veciños poden empregar estas axudas para a adquisición de mobiliario ou equipamentos informáticos ou similares, hoxe en día cada vez máis necesarios.