Deputación de Lugo

A Deputación mellora o acceso ó centro social de Santalla de Lamas, conseguindo que sexa accesible para discapacitados

Gómez Besteiro comprobou, xunto co Alcalde do Concello de Lugo, a posta en servizo do camiño que posibilita o acceso dos veciños desta parroquia lucense ó seu local social, cumprindo así a palabra dada con anterioridade ós veciñosO organismo provincial, a instancias do Concello de Lugo, executou e financiou con fondos propios esta obra, unha mellora que os 100 veciños deste núcleo rural agardaban dende hai case dous anos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, comprobou este domingo na localidade luguesa de Santalla de Lamas o resultado das obras de habilitación dun acceso ó local social de dita parroquia, do que ata o momento carecían os case 100 veciños cos que conta este núcleo e que de xeito habitual empregan como centro de reunión. Ademais de dotar dun servizo necesario para os usuarios destas instalacións, o organismo provincial levou a cabo as actuacións necesarias para que hoxe este local sexa perfectamente accesible para as persoas que padecen algún tipo de discapacidade física. Deste xeito, tal e como subliñou Gómez Besteiro “non só cumprimos a palabra dada ós veciños senón que dotamos a esta parroquia dun servizo que ata o de agora carecían, conseguindo que todas as persoas poidan ter acceso a el. Moitos pensarán que esta é unha obra pequena, pero sen embargo non menos importante, xa que se non fose pola Deputación e pola insistencia do Alcalde, nunca se podería levar a cabo”.

O organismo provincial, dentro do obxectivo de seguir cooperando cos Concellos da provincia, subvenciou integramente os traballos con fondos propios, dotados cun orzamento de máis de 53.000 euros. Deste xeito, as obras, que tamén foron executadas pola Deputación, consistiron na apertura de caixa para a futura vía de acceso, a colocación de tubaxes e posterior pavimentación en formigón.

Reivindicación dos veciños

A Asociación Veciñal “Os Seis Muíños”, creada no 2003, e á que pertencen os veciños desta parroquia e incluso algún residente en parroquias cercanas que gardan estreita relación con Santalla, levaban case dous anos solicitando a colaboración de diferentes institucións para poder dispoñer dun camiño que os levase ata o seu centro social. Situado nun terreo propiedade dos seus asociados, os usuarios carecían de calquera tipo de vía de acceso, o que facía que achegarse ata o seu local de reunión fóra unha tarefa abondo complicada, case imposible no caso daqueles veciños que padecen algún tipo de discapacidade física.

Foi durante unha reunión mantida recentemente entre as Asociacións Veciñais de Lugo e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, á que tamén acudiu o Alcalde López Orozco, cando os membros do colectivo veciñal de Santalla de Lamas, tras expoñer as súas necesidades, obtiveron o compromiso firme por parte da institución provincial de realizar estes traballos á maior brevidade posible. Co remate e posta en servizo deste esperado acceso, a Deputación cumpriu co seu obxectivo de implicarse ó máximo coas necesidades dos lucenses.