Besteiro expresa a súa 'máxima e total confianza' en José Blanco ante as acusacións sobre a Operación Campeón
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou este martes a súa máxima e total confianza no Ministro de Fomento, José Blanco, logo da suposta relación que vincula ó tamén número dous do PSOE coa denominada Operación Campeón. Gómez Besteiro ratificou as declaracións feitas por Blanco nas que mantén que as acusacións realizadas contra a súa persoa son total e absolutamente falsas, confiando en que o proceso xudicial aberto conclúa coa falsedade das mesmas. A este respecto, salientou que non hai mellor resposta ca realizada polo Ministro, ó anunciar que emprenderá accións civís e penais para restaurar o seu honor.
O titular provincial fixo fincapé ademais, no feito de que estas acusacións se produzan a menos de 2 meses da celebración das eleccións xerais do 20-N, poñendo en dúbida a súa casualidade. A este respecto, Besteiro manifestou a súa plena confianza en que todo quedará en nada, ó tempo que subliñou que o Ministro de Fomento será lembrado como a persoa que máis investiu en Lugo e en Galicia dende que vivimos en democracia.